Dous alumnos do ciclo de Automoción de Vilalonga logran a prata no primeiro campionato de FP de Galicia
Por Redacción
Dous alumnos de segundo curso de Formación Profesional Básica de Automoción de Vilalonga acaban de recibir a medalla de prata polo seu traballo na proba de mantemento de vehículos do primeiro Campionato FP Básica Skills de Galicia 2022.
Adrián Castro, de Aios, e Cristian Troncoso, de Vilalonga, ambos de 17 anos, participaron na competición que congregou a un total de 111 alumnos de toda Galicia. A súa pericia na montaxe e desmonte de pezas nun total de 6 probas diferentes fíxolles merecedores do premio.
Este venres acudiron á entrega de premios en Santiago acompañados do seu titor, Fernando Prado Santamaría, e o xefe do departamento, Rafael Domínguez, que non ocultaron a súa satisfacción polo premio conseguido polos dous alumnos na única categoría na que participou o centro formativo. “Fixeron un moi bo traballo e quedaron a apenas unhas centésimas do ouro”, explicou Domínguez.
Este novo recoñecemento para o módulo de FP de Vilalonga chega apenas unhas semanas despois da celebración do IX Foro de Innovación de Automoción organizados polo centro e ao que acudiron máis de 130 alumnos de FP de Galicia.
O centro de formación vilalongués é xa un referente en innovación e investigación. O seu proxecto “Maqueta didáctica de son Furgolonga” foi un dos 13 proxectos premiados en Innovación Didáctica en 2021 pola Xunta de Galicia. O proxecto baséase en dotar á furgoneta de paneis demostrativos e interactivos que faciliten o proceso de ensino e aprendizaxe a todo o alumnado en xeral e, particularmente, ao que ten dificultades sensoriais ( auditiva ou visual), alumnado con necesidades como trastornos de déficit de atención e hiperactividade (TDAH), trastorno do espectro autista ou trastornos de aprendizaxe (dislexia e discalculia).
Tamén o ano pasado lograron o premio “Best Sprint” polo deseño e innovación dun kart no que colaborou o alumnado de todo o centro nun proxecto transversal.