Homenaxean aos 140 profesionais xubilados da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés
Por Redacción
A Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés celebrou este xoves no edificio administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra o acto de homenaxe ao persoal xubilado do Servizo Galego de Saúde que durante o pasado ano 2021 que cesou na súa actividade tanto no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, coma no Hospital do Salnés ou na rede de centros de Atención Primaria desta Área.
Dito evento, que serviu para despedir a 140 traballadores que remataron a súa traxectoria profesional na Rede Sanitaria Pública de Pontevedra e O Salnés, contou entre outros responsables coa presencia do Director Xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, a secretaria da Delegación da Xunta de Galicia en Pontevedra, Marta Iglesias, o xerente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, José Ramón Gómez e a subdirectora de Recursos Humanos da Área, Mercedes Carracedo.
A homenaxe comezou coa recollida de agasallos por parte dos profesionais asistentes á cerimonia, que continuou coa lectura de honor dos nomes dos traballadores xubilados. En representación deste colectivo interveu a exdirectora de Enfermaría, Aurora Melero Adrio e coma ponente invitado o exdirector e exxefe de Alergoloxía do Hospital Provincial de Pontevedra, o doutor José Fernando Filgueira Iglesias.
Ambos os profesionais xubilados rememoraron durante as súas intervencións diversas vivencias dun tempo sanitario que cimentou na comarca de Pontevedra e O Salnés un Servizo Público que continúa na actualidade en permanente avance cara ao futuro e con novos retos e compromisos para preservar e promocionar a saúde da poboación.
Pola súa banda, os responsables do Servizo Galego de Saúde e da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés destacaron nas súas intervencións o legado vital e profesional dos profesionais homenaxeados, aos que agradeceron a súa adicación durante todos estes anos e aos que se lles fixo un chamamento para que, independentemente da súa xubilación coma persoal activo, non se afasten dunha institución da que sempre formarán parte.
Ademais dos tradicionais obsequios, os agasallados recibiron unha tarxeta dourada que lles identifica como persoal xubilado da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés que, segundo expresaron as autoridades asistentes, corrobora que este colectivo continúa a ser unha importante parte deste Servizo Sanitario Público e que, como tal, será sempre recoñecido.
Clausurouse o acto coa actuación da Coral Polifónica “O Chopo” e cunha foto de grupo, efectuada nos espazos exteriores do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Pontevedra.
Relacionadas:
-
O Sergas subliña as "enormes dificultades" para resolver a falta de médicos no centro de saúde do Grove
Por Oskar Viéitez |
-
Os profesionais sanitarios plántanse ante a continua sobrecarga de traballo de cada verán
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
A área sanitaria homenaxea o persoal xubilado dos seus centros
Por Redacción |