O parque empresarial do Sangal estrea beirarrúas
Por Redacción
O alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e a tenente de alcalde Lourdes Ovelleiro visitaron o remate das obras de mellora das beirarrúas e da sinalización horizontal nos viais do parque empresarial do Sangal.
Nestas obras investiron uns 50.000 euros con financiamento da Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos.
Entre as actuacións que se levaron a cabo destaca o cambio do pavimento das beirarrúas substituíndo as baldosas por unha senda peonil de cor ocre a base de formigón en masa.
Jorge Cubela manifestou que "con esta actuación ademais de mellorar o aspecto físico do parque empresarial tamén gañamos en seguridade e visibilidade da sinalización horizontal dándolle un novo aspecto e funcionalidade a un dos pulmóns económicos e industriais do municipio e que xera unha importante carga de traballo grazas ás empresas que están alí instaladas".