A práctica do culturismo ten os seus partidarios e os seus detractores e se o seu exercicio refire á muller, en maior grao. Sentamos no estudo de PontevedraViva Radio a dúas delas.
Sara Lamas é de Ponte Caldelas, en 2017 foi nai e quixo volver poñerse en forma fisicamente. No ximnasio entrou en contacto co culturismo e a través deste coa que hoxe é a súa adestradora, Verónica Bastos. A súa primeira competición federada foi en 2021, á que seguiron ese ano outras dúas máis, colgándose metais.
Verónica Bastos é das Neves, comezou en 2011 tamén a través do ximnasio. Un ano despois empezou a competir. Nestes anos foi campioa galega dúas veces, campioa de España en 2017, ten varios podios internacionais e segue traballando para conseguir "a tarxeta profesional". Ambas teñen actualmente o obxectivo posto no mes de outubro cando se celebrará o campionato nacional en Alacante.
Durante a charla que mantemos no podcast 'Conversas na Ferrería' falan de como é o adestramento que realizan "trescentos sesenta e cinco días ao ano, vinte e catro horas ao día. Tes que complementar a túa vida con isto, hai momentos máis ou menos esixentes, pero é algo que non podes deixar de lado".
Un adestramento no que a alimentación é parte intrínseca e falando de como son esas inxestas, a súa salubridade ou insalubridade e os seus riscos, abordamos un aspecto que xera máis controversia aínda, o consumo de anabolizantes.
Galicia é unha comunidade onde a práctica do culturismo "está bastante ben, o berce do culturismo é valencia pero Galicia está moi moi ben. Só mulleres temos tres profesionais. Creceu moitísimo no últimos cinco seis anos e hai un nivel moi bo, e tamén moi bos preparadores", comentan. Un incremento favorecido polo fitness e o efecto redes sociais.
Expómoslles igualmente o seu parecer e argumentos en relación a varias máximas sobre o culturismo en mulleres como: o culturismo atrofia o corpo feminino?, entra a muller nun espazo que tradicionalmente foi masculino?, as exhibicións, competicións, etc... cousifican á muller?, unha vez que se abandona, os prexuízos físicos son desmesurados?.