Condena de cinco anos de cárcere por abuso para un home que embarazou a unha nena de 14 anos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A sección cuarta da Audiencia de Pontevedra condenou á pena de cinco anos e un día de prisión a un home por un delito continuado de abuso sexual a unha menor de 14 anos.
O xuízo resolveuse mediante un acordo de conformidade. O acusado recoñeceu a autoría dos feitos.
A Fiscalía pedía inicialmente unha condena de oito anos de prisión para o acusado, de nacionalidade venezolana, pero en virtude do acordo alcanzado e tendo en conta a confesión, a reparación parcial do dano e o alleamento mental que padece o acusado, rebaixóuselle a pena ata os cinco anos e un día. Unha vez que cumpra dous terzos desta pena o resto da condena poderá ser substituída pola expulsión do territorio nacional.
Ademais o tribunal impuxo ao acusado por un período de dez anos a prohibición de comunicación por calquera medio ou método, e de aproximación respecto a a nena o seu domicilio ou calquera lugar onde se atope nun radio de 200 metros.
Tamén terá que cumprir a medida de liberdade vixiada por sete anos e seis meses, que se executará con posterioridade á pena privativa de liberdade.
En concepto de responsabilidade civil deberá indemnizar á nena con 6.000 euros polo dano moral causado.
Segundo admitiu o acusado, cando tiña 26 anos de idade empezou a citarse coa menor coa que mantivo relacións sexuais completas durante catro meses "a sabendas de que era menor de dezaseis anos". A nena chegou a quedar embarazada, xa que os abusos producíronse sen ningún tipo de protección. Este embarazo foi interrompido voluntariamente.