Os tribunais non avalan a apertura da gasolineira proxectada no Marco
Por Alejandro Espiño
Carpetazo aos plans da compañía Plenoil para instalar unha gasolineira de baixo custo no Marco, na beira da PO-542. Tras a negativa do Concello é agora o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) o que desbarata o proxecto da petrolífera.
Plenoil recorreu á xustiza despois de que a administración municipal emitira un informe negativo sobre esta estación de servizo, ao estar deseñada para unha parcela cualificada como solo de núcleo rural, o que o facía incompatible con calquera uso industrial.
A Xunta avalou tamén o informe dos técnicos municipais, polo que a empresa presentou un recurso contencioso administrativo para revogar esta decisión e poder construír a gasolineira.
Pero os maxistrados do TSXG veñen de desestimar este recurso, compartindo o criterio exposto polo Concello.
Aínda que recoñecen algunha xurisprudencia neste tipo de actividades, que poderían chegar a ser compatibles con terreos rurais, sosteñen que este non é o caso.