A discoteca Carabás pecha a finais deste mes por causas económicas
Por Anxo Lourido
A discoteca Carabás ten os seus días contados. A actual dirección da empresa decidiu pechar as portas a finais deste mes de novembro debido a razóns económicas. Segundo fontes sindicais, esta fin de semana do 23 e 24 de novembro sería o último con actividade neste histórico local de diversión pontevedresa.
Segundo os datos que manexan os actuais propietarios, hai unha empresa de Vigo que está interesada no local para continuar a actividade con outra denominación. Actualmente, o equipo de persoal da discoteca Carabás está constituído por 19 traballadores contratados por horas que están a negociar os seus despedimentos.
As fontes sindicais sinalan que a intención é que se negocie con estes novos propietarios a subrogación da totalidade ou, polo menos, de parte do equipo dos actuais traballadores da discoteca. Non obstante, polo momento, os representantes dos traballadores descoñecen que empresarios están interesados en asumir o aluguer do local para reiniciar a actividade e intentarán localizalos para negociar con eles durante a próxima semana.
Carabás, situada no número 6 da rúa Cobián Roffignac, é un dos lendarios locais de diversión da noite pontevedresa dende os anos oitenta. En decembro de 2006 se reformou tanto no interior coma no exterior coa intención de ofrecer diferentes ambientes e converter a discoteca nun 'night club', co obxectivo de atraer novos públicos.