A revista Vogue recolle unha foto da campaña 'Pontevedra, Cidade de Moda'

Por Redacción
Unha instantánea realizada polo fotógrafo Emi Ramírez no marco do proxecto 'Pontevedra, Cidade de Moda', impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo, acaba de ser publicada na páxina web da prestixiosa revista Vogue.
A imaxe foi tomada nos xardíns interiores da firma de artes decorativas Indigo e nela aparece un modelo (Fall) con vestiario da tamén pontevedresa Vintage Village.
A iniciativa 'Pontevedra, Cidade de Moda' xurdiu co obxectivo de darlles visibilidade e publicidade a diversos establecementos de moda, calzado, complementos, decoración e interiorismo da cidade, poñéndoos en valor e facéndoos partícipes de spots publicitarios nos que as rúas e prazas se converteron en pasarela e estudo de fotografía.
O proxecto, coordinado por Emi Ramírez, contou coa colaboración de varios modelos e fotógrafos convidados, de diferentes lugares, razas e sexo.