Vasquida García, Dolores Trabado e Ernestina Otero ocuparán o seu lugar no espazo público de Tafisa

Por Redacción
O Concello de Pontevedra continúa a afondar na súa homenaxe ás mulleres ata hai pouco esquecidas da historia de Pontevedra e no traballo para darlle o recoñecemento que merecen no espazo público. Dentro deste espírito, a zona da antiga Tafisa pasará a difundir tres destas figuras a partir desta semana: Vasquida García, Dolores Trabado e Ernestina Otero.
Estas tres mulleres teñen rúas nesta zona da cidade e a partir deste xoves 2 de xuño, ademais, un panel informativo divulgará a súa historia na Unidade de actuación 7, máis coñecida por Tafisa.
O Concello instalará un panel na rotonda de confluencia das tres rúas que levan o seu nome e este xoves ás 19.00 horas haberá un acto de inauguración para dalo a coñecer.
A finalidade deste panel é situar estas protagonistas da historia da Pontevedra no espazo público, ao tempo que se avanza no camiño do empoderamento.
Este vai ser o terceiro panel desta clase que se instala na cidade, logo dos xa existentes nas rúas Amalia Álvarez e Josefina Arruti, como resposta a esa filosofía de feminizar o rueiro de Pontevedra na procura dunha sociedade máis igualitaria e feminista e de visibilizar o papel e das mulleres relevantes dentro da sociedade pontevedresa e galega.
O concelleiro de Patrimonio e Memoria histórica, Xaquín Moreda, lembrou este domingo que desde o inicio do programa ‘A memoria das mulleres’ a intención era recuperar a biografía de mulleres pontevedresas que pasaron desapercibidas ou que o tempo foi agochando, polo que se tomou a decisión de crear unha listaxe de mulleres que serviría para nomear as futuras rúas da vila.
Vasquida Gracía foi unha menciñeira acusada de bruxaría, alí polo século XVI; Dolores Trabado foi unha taxista, pioneira da condución; e Ernestina Otero foi profesora unha profesoras represaliada, que no tempo da República ocupou os cargos de directora da Escola de Maxisterio (Escola Normal) e de presidenta do Consejo Provincial de Primera Enseñanza.
Relacionadas:
-
As rúas de Tafisa xa teñen nome de muller: Ernestina Otero, Vasquida García e Dolores Trabado
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
O Surfing the Lérez, primeira acción da campaña municipal para concienciar aos mozos sobre a Memoria Histórica
Por Redacción |
-
Instalarán paneis nas rúas con nome de muller para dar información sobre as homenaxeadas
Por Alejandro Espiño |
-
O rueiro de Pontevedra será, a partir de agora, "un pouco máis feminista"
Por Alejandro Espiño |
-
Tres novas rúas de Tafisa e o parque ante a Xunta de Campolongo bautizaranse con nome de muller
Por Natalia Puga |