A Central de Compras de Cerdedo-Cotobade permite aforrar ao Concello un 18% en materiais
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade volveu impulsar este ano unha Central de Compras Municipal coa que logrou aforrar un 18% en formigón e materiais de obra e eléctricos.
Esta iniciativa, da que o Concello destaca que é "pioneira entre os concellos de menos de 10.000 habitantes da provincia", acaba de adxudicar en 123.966,94 euros a adquisición a prezo fixo destes materiais.
Con esta iniciativa que se pon en marcha por terceiro ano consecutivo, o goberno local pretende "reforzar a transparencia e defender o interese xeral do Concello e dos veciños", xa que a compra dos distintos lotes permite aforrar e frear a inflación que está afectando de xeito moi especial a este tipo de materiais.
Esta Central de Compras Municipal saíu este ano a concurso cun orzamento inicial de 150.000 euros e adxudicouse en case 124.000 euros en tres lotes orientados á adquisición de formigón (20.661 euros, máis IVE), material de construción (82.664, máis IVE) e subministros eléctricos (20.661, máis IVE).
O Concello destaca que, con esta iniciativa, garante un subministro axeitado e áxil ao prezo ofertado segundo as súas necesidades para as brigadas de Obras e Mantemento Eléctrico e sen que poida influír a posterior variación de custos que impoña o mercado.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, valorou moi positivamente a posta en marcha desta Central de Compras Municipal xa que "é unha idea pioneira na que levabamos traballando algún tempo e que ningún concello de menos de 10.000 habitantes en Galicia o está poñendo en práctica".
Destaca que se trata dun modelo de traballo que "fomenta a total transparencia" na xestión e favorece a libre concorrencia de calquera empresa para buscar a mellor oferta para os intereses dos veciños e as arcas municipais.
Relacionadas:
-
Cubela presume dos "moi proveitosos" 100 primeiros días de goberno, nos que mobilizou máis de 1,2 millóns de euros
Por Redacción |
-
A Central de Compras de Cerdedo-Cotobade encara o seu cuarto ano cun orzamento de 250.000 euros
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade aforra 89.000 euros tras centralizar a adquisición de materiais
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade aproba novas medidas de seguridade para os locais abertos ao público
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade impulsa unha Central de Compras para adquirir formigón e materiais de obra e eléctricos
Por Redacción |