Cinco edificios municipais queren saber o seu consumo enerxético real para encarar un proceso de descarbonización
Por Redacción
A sede do Concello de Pontevedra en Michelena 30, o pavillón municipal, o Pazo da Cultura, o Teatro Principal e a Casa Consistorial. Estes cinco edificios de titularidade municipal acaban de comezar o camiño cara á descarbonización co obxectivo final de lograr o auto abastecemento.
O obxectivo é buscar edificios máis eficientes, con menor pegada de carbono, máis sostibles, autosuficientes, ademais de tratar de rebaixar o consumo municipal.
A Concellaría de Réxime Interior xa deu o primeiro paso. Acaba de solicitar o certificado de eficiencia enerxética dos cinco edificios. Con esta petición, coñecerá a situación real de consumo enerxético de cada instalación para iniciar o proceso de descarbonización de todos eles.
Segundo a información facilitada polo Concello, o obxectivo é que a estes edificios se sumen as rehabilitacións integrais do edificio do antigo Conservatorio, o denominado Laboratorio da creatividade, situado no edificio de Alfonso XIII, e tamén Do edificio administrativo da rúa Churruchaos que se destinará a oficinas municipais. Os dous xa dispoñen do certificado enerxético que se incorporou aos proxectos de rehabilitación e xa recollen medidas de eficiencia enerxética.
Os certificados de eficiencia enerxética agora solicitados polo departamento que dirixe Anabel Gulías coñeceranse nas vindeiras semanas e permitirán determinar o consumo real dos inmobles.
Estes marcarán as liñas de traballo para a descarbonización, con medidas como a colocación de paneis solares, a mellora das fachadas dos edificios, a substitución de fiestras e vidros, a impermeabilización ou o uso de aerotermia.
O Concello lembra que esta liña de traballo é coincidente coa filosofía do Efecto PO2 que está a marcar a liña de actuación da promoción da cidade nos últimos tres anos.
Relacionadas:
-
A sede municipal de Michelena fai augas e o Concello terá que poñer máis diñeiro
Por Oskar Viéitez |
-
A Semana Forestal aborda as saídas profesionais e a implantación das novas tecnoloxías neste sector
Por Redacción |
-
Aproban en pleno a descarbonización do territorio municipal e a adaptación ao cambio climático
Por Redacción |
-
Día Mundial do aforro de enerxía: a contribución á descarbonización da enerxía renovable xerada con biomasa
Por Noticia patrocinada |