Denuncian atrasos nos pagamentos aos traballadores da limpeza dos edificios militares
Por Anxo Lourido
A empresa catalá Cleanet facíase en abril coa concesión da limpeza nas instalacións dependentes do Ministerio de Defensa. Dende entón, os traballadores suman todos os meses atrasos de arredor de 15 días no pagamento da nómina ata o punto de que neste mes de novembro aínda non cobrou.
Na zona de Pontevedra hai ao redor de 50 traballadores da empresa Cleanet que prestan o seu servizo na Escola Naval de Marín, a Brilat, as residencias militares de Fernández Ladreda, nas instalacións deportivas e na Subdelegación de Defensa.
O sindicato CIG, a través dos seus representantes Diana Rodríguez e Marcos Cadórniga, reclaman do Ministerio de Defensa unha solución a este problema porque, a pesar de que se notificou á Inspección de Traballo e a distintos contactos locais de Defensa, a contratación a levan directamente dende o Goberno central xa que se trata dunha adxudicación estatal.
Diana Rodríguez sinalou que as mulleres conforman o 99% do persoal e que os contratos son de 3 ou 4 horas diarias. "Hai que non ten nin para gasolina para ou coche e poder desprazarse ao traballo", indicou a representante sindical. Ante esta situación, témense que Cleanet poida ter problemas de liquidez porque mesmo está a reducir os gastos en material de limpeza malia que o Ministerio de Defensa paga puntualmente á empresa.
Dende o sindicato nacionalista ameazan con adoptar medidas de presión a partir do mes de decembro se os atrasos nos pagamentos continúan.