"Todo o que contribúa a aumentar profesionais é benvido", afirma Rueda sobre a oferta de casas de Sanxenxo a médicos
Por Oskar Viéitez
"Todo o que contribúa a aumentar o número de profesionais na Atención Primaria nestes meses complicados é benvido", valorou este venres o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ao ser preguntado polos xornalistas sobre a proposta do Concello de Sanxenxo de poñer ao dispor do facultativos catro vivendas durante o verán para incentivar a contratación de médicos no centro de Saúde de Baltar.
O presidente da Xunta engadiu que "hai que tentar buscar fórmulas novas e o ofrecemento que se concretou xa no Concello de Sanxenxo é unha posibilidade como pode haber outras" aínda que recoñeceu que "non é unha solución definitiva".
Rueda lembrou que "non é un tema exclusivo de Galicia" o problema existente con cobertura de prazas de médicos e sinalou que a Consellería de Sanidade "tentará que as necesidades queden cubertas" e insistiu en que "isto pode ser non só para Sanxenxo, pode servir para outros sitios, pero está claro que hai outro tipo de propostas a través desa comisión de Atención Primaria que se constituíu hai un tempo, que está a traballar e que está a facer propostas para un problema que é de carácter xeral e que non pode embazar a magnífica asistencia sanitaria pública que temos en Galicia", apuntou.
Pola súa banda, o portavoz de sanidade do PSOE no Parlamento galego, Julio Torrado, criticou este venres esta medida ao entender que "o Sergas pretende converter a organización de recursos humanos en Atención Primaria nun mercado de fichaxes ao estilo do fútbol".
Neste contexto, o dirixente socialista censurou o "erro perigosísimo" que supón o " mercadeo de profesionais" co que está "a xogar" a Consellería de Sanidade ao asinar "un convenio que parece que dinamita a maneira de organizar os recursos humanos en función das necesidades sanitarias e da poboación".
"A procura de profesionais sanitarios convértese así nunha poxa ao mellor ofertante", alertou, "que pode acabar por converterse nunha poxa ou mercadiño a ver quen ofrece o despacho con mellores vistas ou que concello regala un coche". "Non ten sentido e non entendemos como o Sergas pode plantexar solucionar os problemas desta maneira", incidiu.
Relacionadas:
-
Sanidade anuncia novos incentivos para médicos e a oposición rexeita a medida e introduce Sanxenxo no debate
Por Natalia Puga |
-
Cinco médicos interésanse nas vivendas gratis para traballar en Sanxenxo en verán
Por Alejandro Espiño |
-
O Sergas oferta 21 prazas fixas para médicos de atención primaria na área de Pontevedra por 65.000 euros ao ano
Por Oskar Viéitez |
-
O Castrove, pistoletazo de saída para as municipais dun PP que promete "non perder o tempo en cortinas de fume"
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Consideran unha "mofa" a oferta de vivendas gratis para médicos en Sanxenxo
Por Redacción |
-
Vivendas gratis en Sanxenxo, cebo de atracción a facultativos para traballar nos centros de saúde locais en verán
Por Redacción |