Solta dun cento de troitas no río Verdugo por membros de 'Verdeseixo'
Por Redacción
A Sociedade de Caza e Pesca 'Verdeseixo', en colaboración coa Xunta de Galicia, realizou na mañá deste venres 27 de maio a solta dun cento de troitas no río Verdugo.
O obxectivo é favorecer a presenza desta especie no entorno da praia fluvial de Ponte Caldelas e incentivar a participación dos nenos e nenas no concurso infantil de pesca que organiza a entidade esta fin de semana.
Neste acto medioambiental estivo presente o presidente da Sociedade de Caza e Pesca 'Verdeseixo', Lino Mariño, e tamén o delegado de pesca desta entidade, Santiago Pérez Vidal.
As troitas foron trasladadas polo persoal da Xunta de Galicia dende a piscifactoría de Carballedo, no concello de Cerdedo-Cotobade, ata o veciño municipio de Ponte Caldelas.
"Con este tipo de accións favorécese a actividade de pesca no noso río Verdugo e tamén nos parece unha boa oportunidade para achegar a pesca deportiva ás xeracións máis novas, posto que se vai celebrar esta fin de semana o campionato infantil de pesca e gústanos ver como os nenos se divirten practicando esta actividade deportiva", afirmaba Lino Mariño.
O presidente da Sociedade de Caza e Pesca 'Verdeseixo' engadía que "tampouco queremos perder de vista un dos obxectivos principal da nosa Sociedade e tamén das soltas que realizamos cada ano que é coidar o noso río e seguir mantendo viva a súa biodiversidade para que as xeracións futuras poidan desfrutar del como o desfrutamos nós agora".
Neste sentido, 'Verdeseixo' realiza todos os anos varias soltas, de tal xeito que esta última acción dá continuidade a outra solta levada a cabo anteriormente na mesma zona en colaboración co Concello de Ponte Caldelas.
Relacionadas:
-
Alumnado do CEIP da Lama participa na solta de 3.000 alevíns de troita no río Barbeira
Por Redacción |
-
Ministerio, Xunta e Concello de Ponte Caldelas enfróntanse polo abastecemento a Vigo con auga do Verdugo
Por Oskar Viéitez |
-
O río Verdugo recibe cen novos exemplares adultos de troita
Por Redacción |
-
Pescan no río Verdugo unha troita de dous quilos e medio
Por Oskar Viéitez |
-
Polo río arriba van... 75 novas troitas
Por Redacción |
-
Plantan carballos en Tourón e soltan troitas no río Verdugo
Por Redacción |