O Maio Solidario do Banco de Alimentos e Gadis mobiliza 150 voluntarios esta fin de semana
Por Redacción
A iniciativa do Maio Solidario que desde fai dez anos organizan a Fundación Provincial Banco de Alimentos e o supermercado Gadis implicará durante esta próxima fin de semana a ao redor de 150 persoas voluntarias de Pontevedra e as comarcas máis próximas.
Aínda que a campaña leva activa durante todo este mes de maio, a ONG decidiu reforzar con presenza de persoas voluntarias esta última fin de semana coa intención de incentivar tanto as doazóns físicas de alimentos non perecedoiros como as achegas económicas ao pasar por caixa.
A Operación Quilo, por tanto, está a desenvolverse dunha maneira mixta, a elixir por parte dos clientes de Gadis. En total, realízase en 11 supermercados da área de influencia de Pontevedra e, para facelo posible, era necesario contar con persoas voluntarias.
Finalmente, implicaranse, segundo informou a Fundación, 50 persoas voluntarias en Pontevedra, 12 en Cambados, 15 en Marín, 12 en Sanxenxo, 30 en Vilagarcía de Arousa e 24 en Lalín. No resto da provincia uniranse outras 270 persoas repartidas en Vigo, Mos, Nigrán e Tui.
Todas estas persoas estarán perfectamente identificadas con petos do Banco de Alimentos e poderán verse de maneira ininterrompida, por quendas, durante todo o horario comercial do supermercado o venres 27 e o sábado 28 de maio.
O Banco de Alimentos en Pontevedra repartiu 370.000 quilos de comida durante 2021, o que representa un 8 por cento máis con respecto ao ano anterior. Na actualidade axuda a unhas 22.000 persoas en situación de vulnerabilidade na provincia, das cales, máis de 5.000 residen na área de actuación da nosa delegación en Pontevedra: Pontevedra cidade, Poio, Marín, Ponte Caldelas, Caldas de Reis, Sanxenxo, Vilagarcía, Lalín, Arcade ou Cambados.