Tráfico lanza unha campaña en Galicia centrada na seguridade de peóns, ciclistas e motoristas
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez
Tres de cada dez vítimas mortais nas estradas de Galicia forman parte dos chamados "usuarios vulnerables". O concepto inclúe aos peóns en xeral, así como a ciclistas e motoristas.
A Dirección Xeral de Tráfico e a Agrupación de Tráfico da Garda Civil iniciaron esta semana unha campaña de sensibilización sobre este colectivo nas estradas galegas. A iniciativa, que se prolongará ata o domingo día 29, centrarase na seguridade deste grupo que ten máis probabilidade de verse implicado nun accidente de tráfico.
A subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba explicou que esta campaña leva a cabo de forma exclusiva en Galicia por iniciativa das xefaturas provinciais de Tráfico e o Sector de Galicia da Garda Civil e é que os datos de accidentalidade en vías interurbanas na nosa Comunidade indican que no pasado ano 2021 o 33% das persoas falecidas na estrada pertencían ao colectivo de vulnerables.
No que levamos de ano, entre o 1 de xaneiro e o 15 de maio de 2022 repetiuse esta porcentaxe ao contabilizarse 4 motoristas e 5 peóns falecidos.
A campaña pretende concienciar a peóns, ciclistas e motoristas sobre a súa vulnerabilidade na estrada e lembrar a necesidade de facerse visibles e usar os sistemas de protección específicos como os cascos, así como a indumentaria adecuada para circular con bicicletas e motocicletas.
Tamén se tratará de sensibilizar aos condutores sobre a elevada exposición ao risco destes usuarios e a necesidade de manter o nivel de alerta constante ante a súa presenza na vía.
Maica Larriba asistiu este mércores na estrada PO-224, ao seu paso pola localidade de San Amaro, no concello de Barro, a outra das accións incluídas nesta campaña como é a entrega de elementos reflectores de alta visibilidade a camiñantes ou peóns que se desprazan polas vías sen facer uso deste tipo de pezas.
Os equipos da Agrupación de Tráfico da Garda Civil tamén repartiron trípticos coas recomendacións específicas para ciclistas, motoristas así como indicacións para condutores doutro tipo para que saiban como actuar ante os usuarios da estrada que están en situación de vulnerabilidade polas súas características físicas ou ben polo medio de desprazamento empregado.
Este punto de Barro ten especial significado porque forma parte do Camiño Portugués a Santiago de Compostela e neste ano Xacobeo rexistra unha elevada presenza de ciclistas e peóns por este tipo de vías.
Maica Larriba informou de que no que vai de ano producíronse nas estradas da provincia un total de 246 accidentes con vítimas e faleceron tres persoas, unha delas usuaria vulnerable. Son catro menos que as falecidas en 2021 por estas mesmas datas e oito menos que en 2019. Non obstante, a subdelegada incidiu en que "a seguridade viaria é unha prioridade para este Goberno e, por iso, non pararemos de traballar ata chegar a cero vítimas".
A subdelegada do Goberno explicou que a nivel provincial no ano 2021 figuran rexistradas en vía interurbana 7 vítimas mortais, 31 feridos hospitalizados e 131 feridos leves, dentro do colectivo denominado como vulnerable, representando o 28 % dos falecidos, o 23.6% dos feridos hospitalizados e o 10.8% dos feridos leves, respectivamente. No ano 2019, do citado colectivo rexistráronse 9 falecidos, 29 feridos hospitalizados e 147 feridos leves, representando o 37.5% dos falecidos, o 30.5% dos feridos hospitalizados e o 12.3% dos feridos leves.
Relacionadas:
-
Un ciclista, ferido ao ser atropelado na avenida de Vigo
Por Anxo Lourido |
-
"La menor distracción al volante puede tener las peores consecuencias"
Por Redacción |
-
Tráfico impartirá educación viaria para maiores en Carballedo, Cerdedo e Tenorio
Por Redacción |
-
Motos camufladas en Pontevedra para controlar as estradas máis frecuentadas
Por Redacción |
-
"Podemos crer que un só segundo non vai afectar á nosa capacidade de control do vehículo, pero non é certo"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Morre un motorista ao chocar contra un coche aparcado en Meaño
Por Oskar Viéitez |
-
Os accidentes de motocicleta e os condutores con infraccións reincidentes, cabalo de batalla para mellorar a seguridade viaria
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |