Pelotas xigantes, panos e cordas para fomentar os Xogos na Rúa
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Este martes 24, a pesar dos chuvascos, celebrábase Xogarrúas, un desfile de promoción das actividades que se van a levar a cabo con motivo da segunda edición do campionato Xogos na rúa Efecto PO2, que se celebrará durante os días 11 e 12 de xuño en oito barrios de Pontevedra.
O desfile deste martes ofrecía actividades con pelotas xigantes, panos e cordas ao longo de tres paradas nas que participaba o público infantil libremente acompañado por monitores.
O percorrido iniciábase na Praza da Cítara, primeira parada do roteiro, para despois baixar pola rúa Estrada ata a pasarela Doce de novembro, onde se realizaba unha segunda parada con propostas divertidas como saltos á corda, ou xogos do pano cos participantes converténdose en distintos personaxes como robots ou elefantes. A festa finalizaba en Loureiro Crespo á altura da céntrica Praza do Hospital.
O vindeiro sábado 28 de maio, con motivo do Día Internacional do Xogo, de 11.00 a 13.00 horas realizaranse novas actividades de Xogos na Rúa en tres barrios: na pista de skate de Mollavao, en Raíña Vitoria no barrio da Moureira-San Roque e no paseo do Miradoiro de Monte Porreiro.
Con estas actividades, a concellería de Promoción da Cidade, dirixida por Anabel Gulías, busca que se desenvolvan iniciativas nos espazos públicos a través de xogos tradicionais para establecer puntos de encontro lúdicos tanto para menores como para adultos.
Relacionadas:
-
Catro novos 'xogos na rúa' para o inverno pontevedrés
Por Redacción |
-
Os xogos populares, ao poder no segundo Campionato Interbarrios
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Os barrios de Mollavao, Valdecorvos e A Moureira súmanse esta fin de semana aos Xogos na rúa
Por Redacción |
-
Tres barrios da cidade fan un percorrido por cinco continentes a través do xogo
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Regresan os Xogos na Rúa para coñecer o mellor barrio de Pontevedra
Por Redacción |