A Plataforma 2018 quenta motores para a marcha do sábado contra a permanencia de Ence e Elnosa na ría
Por Anxo Lourido
Representantes da Plataforma 2018, o movemento integrado por máis de trinta colectivos, reuníronse co alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, para solicitar o seu apoio á marcha que se vai desenvolver este sábado 23 en contra do mantemento das empresas Ence e Elnosa na ría de Pontevedra.
Segundo expuxo un dos voceiros deste grupo, Antón Masa, "a mobilización será a clásica pola cidade de Pontevedra porque hai xente que cre que é ata Celulosas pero non, é unha manifestación típica". A marcha sairá da Ferrería ás 19.30 horas e rematará na Peregrina cun percorrido polo centro da cidade. Neste sentido sinalou que durante as próximas xornadas sairán coches con megafonía en Marín, Bueu, Pontevedra e Poio.
Antón Masa apuntou que "dende hai tempo, no PP non está clara unha posición de rexeitamento da continuidade de Ence Elnosa máis alá de 2018 porque no pleno de Bueu o Partido Popular votou a favor da moción que presentamos dende a Plataforma e en Pontevedra e Poio abstuvéronse. E non sabemos que pasará en Marín e noutros concellos". E continuou: "a realidade é que o PP non se atreve a dicir coa boca grande que pretenden consolidar Ence e Elnosa na ría de Pontevedra, algo do que estamos convencidos".
Segundo Masa, "non é de recibo dicir que puxeron data de finalización para Elnosa na ría de Pontevedra en 2017 cando previamente na autorización ambiental integrada tiñan fixado de forma irrevogable a data de 7 de xaneiro de 2014 como data última para actividade empresarial de Elnosa". E sinalou que se temen que as intencións do Partido Popular dende os gobernos da Xunta e do Estado van dirixidas a prorrogar a presenza destas empresas máis alá de 2018, "non pensamos que o PP poida seguir insistindo na necesidade de quitar Ence-Elnosa, cando chegue 2018 estarán pensando na nova lei de Costas e na posibilidade de poñerlle unha prórroga. Unha prórroga que dende a Plataforma tentaremos impedila".
Relacionadas:
-
A Plataforma 2018, apoiada por un milleiro de cidadáns, rexeita na rúa unha prórroga a Ence e Elnosa en Lourizán
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
A Plataforma 2018 fai un chamamento a manifestarse contra a consolidación do complexo industrial de Lourizán
Por Oskar Viéitez |
-
Arregui (ENCE): "Lo que hacemos no molesta ni daña a nadie. ¿Por qué nos tenemos que ir si cumplimos la ley?"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |