Cinco asociacións veciñais da Lama recibiron axudas da Xunta para mellorar os seus locais sociais
Por Redacción
Nos últimos meses cinco entidades veciñais do concello da Lama recibiron, en conxunto, preto de 85.000 euros en subvencións para levar a cabo obras de acondicionamento, mellora e accesibilidade dos locais sociais nos que levan a cabo actividades en beneficio da comunidade.
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, coñeceu de primeira man as actuacións realizadas no local social da Asociación de Veciños San Bartolomé de Xesta e no da Asociación de Veciños de Escuadra.
No primeiro caso, as obras consistiron na ampliación dunha rampla para mellorar o acceso ao local, a substitución de portas e fiestras, a mellora do illamento térmico do inmoble e o equipamento da cociña con novos electrodomésticos e servizos. No segundo, acometéronse obras de impermeabilización e illamento, ademais de colaborar na adquisición de material informático e de mobiliario para uso da veciñanza.
Ao abeiro da orde, a Xunta sufragou tamén melloras levadas a cabo nos locais sociais da Asociación de Veciños de Laxedo, na de Xende e Paradela e nas instalacións do Centro Cultural de Veciños de Pelete, todas elas coa finalidade de acondicionar e equipar os centros nos que se reúne a veciñanza para a posta en marcha de actividades que reforzan o asociacionismo e a cooperación veciñal.
Natalia Prieto lembrou que a orde de acción comunitaria incrementou este ano o seu orzamento nun 20% con respecto ao 2021, ata acadar os 3 millóns de euros. A mellora encádrase na aposta da Xunta polo asociacionismo veciñal e a xestión conxunta de bens e servizos por parte da poboación galega.
Relacionadas:
-
A comunidade de augas de Vilaboa recibiu unha axuda da Xunta para mellorar os seus depósitos
Por Redacción |
-
A Xunta concedeu máis de 40.000 euros para a mellora das oficinas municipais de Sanxenxo
Por Redacción |
-
A Xunta colabora na mellora das infraestruturas viarias do Concello de Moraña
Por Redacción |