Diego Rosal, confirmado como candidato do BNG en Meaño para as municipais de 2023
Por Redacción
O BNG de Meaño xa ten candidato para as eleccións municipais de 2023. Será Diego Rosal Chaves, que vén de tomar o relevo de Rosa Castro á fronte do consello local do partido.
Así foi tras unha asemblea na que, por unanimidade, a agrupación municipal ratificou este nomeamento, que chega despois de que a anterior responsable non puidera continuar a liderar a formación nacionalista por motivos persoais.
Baixo a súa dirección, destaca o BNG, conseguiuse manter a organización, aumentar a militancia, atraer xuventude, renovar o consello local e obter maior presenza no consello comarcal do partido coa incorporación de tres novos membros.
Diego Rosal "representa como ninguén o ideario do BNG", subliñan desde o partido, que reivindica a súa "xuventude, ilusión e incansable capacidade de traballo".
Militante de base, comprometido coa cultura e a música, o novo líder do BNG en Meaño é mestre, directivo e membro da Banda Unión Musical de Meaño e membro fundador da Asociación Cultural Árgoma.
Con el, o partido intentará obter representación na corporación municipal nas eleccións que se celebrarán en maio de 2023.