Detido un home por violencia de xénero na madrugada do domingo en Vilagarcía
Por Oskar Viéitez
A Policía Local de Vilagarcía de Arousa informou dun caso de violencia de xénero rexistrado sobre as 7 da mañá deste domingo nunha vivenda da zona da Coca.
Unha chamada alertou dunha discusión nun domicilio. Segundo se recolle no atestado da Policía Local, a disputa comezou cando ao chegar á casa despois de saír cunha amiga, a muller, de 23 anos, foi increpada pola súa parella, tamén de 23 anos, que a estaba esperando.
No parte policial, ademais de violencia verbal, recóllese que a muller asegurou que o home levantoulle a man, a golpeou nunha perna e froito da pelexa, tiroulle o móbil ao chan rompéndollo.
O suposto agresor, que responde ás iniciais de J.S.A., foi detido e trasladado aos calabozos da comisaría en espera de que este luns pase a disposición xudicial.
TRÁFICO
No parte de incidencias rexistradas pola Policía Local durante a fin de semana festiva en Vilagarcía tamén destaca unha denuncia por conducir baixo os efectos do alcohol.
Aconteceu na madrugada, cando unha patrulla detecta un vehículo circulando de xeito sospeitoso polo estacionamento público do Ramal. Tras darlle o alto, practícanlle a proba de alcoholemia ao condutor, dando como resultado unha taxa de 1,67 no primeiro test e 1,60 no segundo, realizado minutos máis tarde.
En ámbolos casos, o nivel de alcol estaba máis de seis veces por riba do límite de 0,25 permitido pola lei. O condutor, A.A.M., de 48 anos, foi denunciado e, ao non estar implicado en ningún accidente, será chamado a comparecer ante a xustiza mediante o sistema do xuízo rápido.
Relacionadas:
-
"O 1 e o 2 de xuño Pontevedra volverá ser unha provincia de igualdade"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada
-
Detido un home por agredir á súa exparella sobre a que ten orde de afastamento
Por Oskar Viéitez |
-
Minuto de silencio na Subdelegación polo asasinato machista da veciña de Teis: "É unha lacra que non para"
Por Diana Eiras & Anxo Lourido |