Un estudo da USC alerta do incremento de intoxicacións etílicas entre adolescentes pontevedreses
Por Redacción
Un 61 por cento dos casos de persoas atendidas por intoxicación aguda entre os anos 2005 e 2008 no Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP) estivo causado polo alcohol. E entre eles detectouse un "preocupante incremento en pacientes de 6 a 15 anos". ÿ a principal conclusión da tese de doutoramento realizada por José Carlos de Miguel Bouzas, un alumno da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Este estudo epidemiolóxico de campo neste hospital pontevedrés foi realizado baixo a dirección das profesoras Ana María Bermejo e María Jesús Tabernero. Nel reflíctese que neses catro anos atendéronse por intoxicación no CHOP un total de 1.893 pacientes, o 0,51% sobre o total de urxencias, a maioría homes e cunha idade media entre os 17 e 35 anos.
Así, o estudo comprobou que os axentes tóxicos máis frecuentes foron as drogas de abuso, que supoñen o 70,4% do total, e sobre todo o alcohol, presente no 61% dos casos e frecuentemente asociado ao sexo masculino e a un elevado grado de dependencia.
Ademais, esta análise tamén desprende que as drogas ilegais que produciron un maior número de urxencias foron a cocaína e o cannabis, cun 8,7% e un 8,4% do total. O estudo comprobou tamén que as intoxicaciones nas que están implicados medicamentos, un 33,1%, asócianse en maior medida ao sexo feminino e están causadas nun 73,2% dos casos por benzodiacepinas.
Existen antecedentes psiquiátricos no 42,6% dos pacientes estudados e de alcoholismo no 25,8%
A maior parte das persoas tratadas tiñan unha intencionalidade recreativa ou por dependencia (ambas asociadas ao sexo masculino) e no 18,8% dos casos había motivos suicidas, normalmente asociados ás mulleres e ás intoxicaciones medicamentosas. De Miguel comprobou ademais que existen antecedentes psiquiátricos no 42,6% dos pacientes estudados e de alcoholismo no 25,8%. Por outra banda, o 38,9% eran reincidentes e o 37,8% estaban a tratamento con psicofármacos.
A maioría dos pacientes tratados no CHOP procedían dos concellos de Pontevedra, Marín, Poio, Sanxenxo e Vilaboa; sendo maioritarias neste último as intoxicacións etílicas, en Poio as intoxicacións por drogas ilegais e en Sanxenxo as medicamentosas.
Segundo indicou a USC, José Carlos de Miguel recibiu a máxima cualificación pola súa tese Estudio epidemiológico de las intoxicaciones agudas atendidas en el Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP) entre los años 2005 y 2008, que defendeu na Facultade de Medicina.