Regresan os Xogos na Rúa para coñecer o mellor barrio de Pontevedra
Por Redacción
Todos os cativos e cativas de Pontevedra están convidados a participar na segunda edición Xogos na Rúa, o que será unha nova cita para compartir espazo público, xogos, risas e diversión nos barrios da Boa Vila.
Con esta actividade, o Concello a través da Concellería de Promoción da Cidade, que dirixe Anabel Gulías ao abeiro da Estratexia PO2, quere amosar as múltiples posibilidades que ofrece o espazo público da cidade como xogar nel con seguridade.
As actividades comezarán o día 24 de maio co Xogarrúas, un desfile promocional das actividades programadas que durará entre as 17:30 e as 19:30 horas.
Terá tres paradas nas que o monitorado convidará a pequenos e grandes a xogar con pelotas xigantes, panos e cordas. A primeira parada será na praza da Cítara, baixará pola rúa Estrada ata a pasarela Doce de Novembro e irá por Loureiro Crespo ata a praza do Hospital.
A segunda cita será o 28 de maio coincidindo co Día Internacional do Xogo. De 11:00 a 13:00 horas Xogos na Rúa levará a tres barrios da cidade unha escolma de xogos tradicionais dos cinco continentes: o das pirámides, o xogo de pelota, as estatuas, o gato e o rato. Os participantes recibirán unha explicación sobre o xogo e a súa orixe.
Neste caso, as citas serán na pista de skate de Mollabao, na rúa Raíña Vitoria (Moureira-San Roque) e no parque do Miradoiro en Monte Porreiro.
Xa no mes de xuño chegará o II Campionato interbarrios, onde os barrios de Pontevedra porán a proba as súas habilidades en xogos tradicionais como corda, colleita de mazaroca, o pano ou tiro de argola.
A primeira xornada será o sábado 11 de xuño de 11:00 a 13:00 horas nos barrios de Monte Porreiro (paseo do Miradoiro), Valdecorvos-O Castañal (na praza das Regas), Pontevedra Leste (pasarela Doce de novembro), O Gorgullón-Eduardo Pondal (rúa Pedro Sarmiento de Gamboa), Campolongo (detrás da igrexa entre a rúa Alcalde Hevia e as pistas do Colexio), A Moureira-San Roque (rúa Raíña Vitoria) e Mollabao (pista do skate).
A segunda e última xornada será o domingo 12 de xuño na Praza de España, onde se medirán os gañadores do día anterior entre as 11:00 e as 13:00 horas.
No campionato poderán participar familias ou grupos de amizades cando menos cun neno maior de 3 anos e menor de 12 anos e unha persoa adulta ao cargo. O equipo deberá ter un mínimo de 3 persoas co fin de que poidan participar dun xeito activo en todas as propostas.
Para participar no campionato é preciso realizar unha inscrición que será de balde a través de apuntate.pontevedra.gal.
Na anterior edición celebrada en xuño de 2021 participaron cinco barrios, polo que este ano a Concellaría decidiu ampliar os espazos de xogo para que poida participar toda a veciñanza.
Por outra banda, desde o Concello avanzan que teñen previsto que o Xogos na rúa regrese con novas propostas no mes de outubro con xogos tradicionais de diferentes zonas de Galicia, un escape barrio, a procura do tesouro ou unha xincana interbarrios.
Na segunda parte tamén se realizará un Xogarrúas promocional arredor do mes de setembro para anunciar as novas actividades previstas até final de ano.
Relacionadas:
-
Os xogos populares, ao poder no segundo Campionato Interbarrios
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Os barrios de Mollavao, Valdecorvos e A Moureira súmanse esta fin de semana aos Xogos na rúa
Por Redacción |
-
Tres barrios da cidade fan un percorrido por cinco continentes a través do xogo
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Pelotas xigantes, panos e cordas para fomentar os Xogos na Rúa
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
O equipo do barrio do Burgo, vencedor na xornada final dos Xogos na rúa Efecto PO2
Por Redacción & Cristina Saiz |
-
Cal é o mellor barrio de Pontevedra? A resposta saberase xogando na rúa
Por Oskar Viéitez |
-
Os xogos tradicionais da corda, o peletre e o pano ocuparán as rúas de cinco barrios o sábado 19
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |