As obras de mellora da seguridade viaria na zona do colexio de Xeve, a finais do verán
Por Redacción
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ten previsto iniciar os traballos de reforma das estradas autonómicas PO-223 e PO-224 na parroquia pontevedresa Santo André de Xeve a finais deste verán. Trátase dunha obra de mellora de seguridade viaria e de mobilidade peonil á que se presentaron once empresas cun investimento global que supera os 2,2 millóns de euros.
Desde a Xunta de Galicia indican que na actualidade está en marcha o proceso de expropiación de 46 leiras afectadas por esta obra. Os días 2 e 3 de xuño son as datas fixadas para as actas de ocupación. Os traballos para esta reforma viaria teñen un prazo de execución de 18 meses.
Este proxecto busca mellorar a seguridade na contorna escolar, despois de que representantes da Consellería mantivese conversacións coa dirección do centro educativo da parroquia, dentro da colaboración que a administración autonómica mantén con STOP Accidentes para mellorar a seguridade nas estradas autonómicas.
A reforma mellorará a conexión entre os núcleos residenciais do Couso e Sobral, ademais de favorecer o percorrido entre o polígono empresarial, o colexio público e a parroquia de Xeve. Para acometer este obxectivo, a Xunta ten previsto crear unha senda mixta na PO-223 para o tránsito peonil e de ciclistas non deportivos, de 1,9 km de lonxitude e cun ancho mínimo de 1,80 metros. Tamén se realizarán intervencións no trazado con cuñas de aceleración e desaceleración para facilitar a incorporación á vía dos vehículos.
Tamén se mellorarán as paradas de autobús e tamén se executará un pequeno treito de senda na glorieta da intersección coa vía a Monte Porreiro, tal e como solicitou a asociación ciclista Pedaladas.
Na intersección coa PO-224, onde se sitúa o centro escolar construirase unha glorieta de 30 metros de diámetro para reforzar a seguridade viaria e fomentar o acougado do tráfico que circula por esta zona. Crearase unha senda que unirá o colexio co núcleo de Sobral.
Ademais, está prevista a reordenación yampliación das zonas de aparcamento cun carril central de sentido único e 27 novas prazas de estacionamento en batería a ambos os dous lados, na parcela que pertence á Comunidade de Montes en Man Común de Santa María de Xeve. Tamén se ampliará a zona de aparcamento de autobuses e de profesores e empregados do colexio.
Fronte ao centro escolar realizarase un carril exprés, un espazo denominado "kiss and ride" para facilitar a baixada e recollida dos estudantes dunha maneira segura. Instalaranse seis marquesiñas para facilitar aos usuarios do transporte a espera, cinco delas novas e unha que será renovada.
Para afrontar estas obras empréganse fondos Next Generation. A Xunta inclúe este proxecto dentro dun conxunto de actuacións no municipio e nos concellos da comarca, con investimentos de máis de 14 millóns de euros.
Tamén anuncia o seu obxectivo de impulsar a transformación integral da estrada vella de Marín; melloraranse ademais preto de 100 paradas de autobús e habilitaranse catro zonas de aparcamento, un deles disuasorio na contorna da estrada vella de Marín e outros tres pensados para compartir coche nas proximidades ás vías de altas prestacións da vila marinense, Sanxenxo e Vilagarcía de Arousa.