Premio especial do público para o IES Illa de Arousa na Liga Maker Drone
Por Redacción
Este venres no Coliseum da Coruña, o IES da Illa de Arousa lograba o premio especial do público na primeira edición da Liga Maker Drone, que promoven a Fundación Barrié e a Fundación Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG).
Con esta competición búscase fomentar a vocación científico e tecnolóxica do estudantado galego. Nesta primeira edición participaron preto de 180 estudantes de terceiro de ESO, pertencentes a 18 centros escolares de toda Galicia. A proba consistía en deseñar, programar e facer voar un dron que axudase na extinción dun incendio simulado nun edificio.
O dron, durante a proba, tiña que ser capaz de recoller auga, transportala e acceder, desde o exterior, á planta dun edificio no que se producía un incendio contribuíndo a apagalo no menor tempo posible. Para participar, cada centro recibiu un dron, formación e orientación por parte da organización desta iniciativa.
A solución gañadora para o xurado foi a presentada polo CPR Santa María del Mar, da Coruña, que incorporou un tanque de auga ao dron ao que estaba conectado un tubo. A través dun mando podían activar e desactivar o fluxo de auga. Utilizaron un láser calibrado para marcar o punto de impacto e unha cámara para regular a distancia do obxectivo. Ademais conectaron o dron a unha mangueira que permitía encher o depósito en caso de necesidade permitindo máis capacidade e menos peso.
Pola súa banda, o IES de Illa da Arousa lograba o premio do público por ofrecer a mellor presentación do seu proxecto durante a gala.