Pontevedra prevé recadar 500.000 euros menos cos novos criterios das plusvalías
Por Alejandro Espiño
Nove de cada dez contribuíntes, segundo os cálculos do goberno municipal, pagarán menos a partir de agora cos novos criterios para a aplicación do imposto das plusvalías.
Pontevedra xa aprobou a modificación da ordenanza fiscal da plusvalía, un trámite obrigado pois o Goberno deu aos concellos seis meses para adaptarse aos novos criterios, marcados por unha recente sentenza do Tribunal Constitucional.
En base a estas modificacións, o edil de Facenda, Raimundo González, a media dos recibos que emite o Concello rebaixarase nun 25%, aínda que haberá cidadáns que poidan pagar mesmo un 75% menos do que tiñan que liquidar cos anteriores criterios.
Haberá algún caso, iso si, que pagará máis. O novo imposto de plusvalía penalizará aquelas vendas de solo urbano que se teñan feito, como máximo, ata catro anos despois da compra "fundamentalmente para penalizar a compra especulativa", aclarou o concelleiro. Nestes casos, poderán abonar ata un 50% máis.
O Goberno central o que fixo, segundo González, é fixar novos coeficientes para calcular estas liquidacións, que teñen como base o valor catastral do inmoble. Agora, ademais, revisaranse cada ano en función da situación económica do país.
O Concello, pola súa banda, manterá o tipo impositivo dos últimos anos, que é dun 21%. Esta adaptación implica o descenso de máis do 25% dos ingresos municipais, é dicir, "son fondos que se manteñen no peto dos contribuíntes" suxeitos a liquidar este imposto.
Ao respecto da recadación, en 2020 a plusvalía supuxo para as arcas municipais 1,5 millóns de euros, en 2021 foron 1,8 millóns e a estimación de 2022 é que sexa de 1 millón de euros, unha media de 500.000 euros menos que en anos anteriores.
Esta modificación da ordenanza terá que ser debatida no vindeiro pleno do 26 de maio e logo de trinta días de exposición pública poderá ser aprobada se non hai alegacións.
Relacionadas:
-
A débeda dos pontevedreses co Concello roza os 28 millóns de euros
Por Alejandro Espiño |
-
Devolución das plusvalías, demanda do PP ao goberno local tras a sentenza do Tribunal Constitucional que as anula
Por Redacción |
-
Conxelados impostos e taxas no orzamento municipal de 2022, ao que lle afectará a suba da luz e a sentenza da plusvalía
Por Redacción |