A xestión e prevención de residuos municipais, a estudo
Por Redacción
Julio Casás, concelleiro responsable de Obras e Servizos, indica que se están a dar os primeiros pasos para elaborar un estudo técnico de xestión e prevención dos residuos municipais. A empresa viguesa Examio Sociedad Limitada encargarase de realizar ese informe cun investimento de máis de 7.000 euros, IVE engadido.
A intención do goberno local é adaptarse ás ordenanzas de xestión e fiscais en relación ao tratamento do lixo que se xera no municipio de Poio. Segundo Casás Barral, o documento permitirá tamén efectuar un diagnóstico concreto sobre este servizo.
Ao longo do informe analizaranse cuestións como a situación actual en materia de toneladas de residuos recollida e a realización de propostas para mellorar a xestión actual, analizando a estacionalidade e o incremento de poboación turística.
No documento tamén se recollerán propostas e alternativas para que o Concello conte cun plan de tratamento de lixo o máis eficaz posible. Neste sentido, analizaranse os centros de compostaxe comunitarios, xa consolidados no núcleo da parroquia de San Salvador, ou a modificación das liñas actuais de recollida, adaptándose ás circunstancias.
Julio Casás ten previsto participar na viaxe, acompañado da mestra composteira municipal, que organiza a Deputación de Pontevedra, dentro do Plan Revitaliza, para observar sistemas de xestión de biorresiduos, compostaxe e outros sistemas de recollida de lixo como o de "porta a porta".
Esa visita está prevista entre o luns 22 e o venres 27 de maio en diferentes localidades de Euskadi, Navarra e Cataluña. Con esta proposta, o concelleiro entende que se poderán tomar decisións para cumprir cos obxectivos de reciclaxe establecidos pola nova normativa. En xuño de 2023 será obrigatorio que as administracións ofrezan ferramentas e servizos para garantir unha reciclaxe do 50% dos residuos, cifra que aumentará ata o 65% en 2035.
Relacionadas:
-
Poio inicia unha campaña para impulsar a reciclaxe de vidro na hostalería
Por Redacción |
-
Os concellos do Plan Revitaliza descobren en Euskadi e Navarra novas experiencias de compostaxe
Por Redacción |
-
Unha comitiva provincial viaxa a Cataluña, País Vasco e Navarra para aprender dos seus sistemas de recollida de residuos
Por Redacción |
-
Os operarios municipais incrementan a limpeza nas praias de Poio
Por Redacción |
-
A reciclaxe de envases e vidro aumentou en Poio o pasado ano
Por Redacción |