O PP considera unha "vitoria política" que o xulgado obrigue á Deputación a convocar un pleno para abordar a petición de dimisión de Carmela Silva
Por Oskar Viéitez
O grupo provincial do Partido Popular valorou este xoves como unha "vitoria política e xudicial" a sentenza do Xulgado contencioso administrativo número 2 de Pontevedra que dá a razón aos populares e ordena á Deputación de Pontevedra convocar o pleno extraordinario polo caso do enchufe da cuñada da presidenta da administración provincial Carmela Silva nos termos que solicitaron desde o PP.
Os deputados provinciais do PP compareceron este xoves en rolda de prensa para insistir en que Carmela Silva "está arrinconada", dixo o voceiro Jorge Cubela, "non pode permanecer máis tempo calada ante uns feitos tan graves" que os populares consideran "a trama corrupta máis importante da historia recente de Galicia e na que está involucrada a súa familiar".
Ademais, Cubela subliñou que esta sentenza tamén vén a recoñecer "a obstrución e os obstáculos" que desde o Goberno provincial se están poñendo "de xeito continuado" para "impedir toda posibilidade de control político" xa que "di que perturba e restrinxe as atribucións básicas e esenciais que corresponden aos deputados".
"Non só calan, senón que ademais pretendían silenciar á oposición", indicou o voceiro do PP que sinalou que estes son "comportamentos máis propios de réximes totalitarios que de democracias asentadas" e advertiu que "este capricho vaille custar cartos á Deputación e aos pontevedreses", xa que a sentenza tamén recolle que a institución provincial ten que asumir as costas do proceso.
O Partido Popular asegura que Carmela Silva "non pode estar un día máis ao fronte da Deputación de Pontevedra" e que "está totalmente desacreditada. Ten que dimitir" al go que lle esixe o PP e tamén "o sentido común, a ética e a moral que debemos ter todos os responsables públicos".
Cubela tamén incidiu en que a sentenza "supón un varapau" para o Partido Socialista e para o BNG, "que pretenden utilizar a institución para o seu propio interese político" e, no caso dos nacionalistas, son "cómplice necesario das artimañas dos socialistas na Deputación de Pontevedra". Por iso, preguntaron si a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón se vai facer "corresponsable" desta actitude.
Por último, o Partido Popular recordou que "esta trama non está allea á Deputación de Pontevedra", porque "os que gobernan a institución provincial son os mesmos que gobernan no Concello de Vigo" e "os delitos dos que falamos son moi graves" e "seguimos sen que ninguén asuma a súa responsabilidade política".
Relacionadas:
-
O PP interpreta o "silencio abrupto" de Carmela Silva no Pleno como "unha clara condena de culpabilidade" polo ‘Caso cuñada’
Por Oskar Viéitez & Diana Eiras |
-
Rotunda resposta de Carmela Silva ante a obriga de abordar nun pleno a petición do PP para que dimita
Por María José Pita |
-
O xulgado obriga á Deputación a convocar un pleno extraordinario para abordar a petición de dimisión de Carmela Silva
Por Redacción |
-
Cubela esixe a Carmela Silva que deixe de usar a Deputación como plataforma de confrontación política
Por Oskar Viéitez |
-
O PP asegura que na Deputación "está instaurada la ley del silencio" respecto a aqueles asuntos que lle son "incómodos"
Por Oskar Viéitez |
-
Pepa Pardo, do Partido Popular, acusa a Carmela Silva de "traspasar todos os límites"
Por Redacción |