Medio Rural mellora cortalumes en montes de Pontevedra, Barro, Meis e Poio
Por Redacción
A Consellería do Medio Rural está a investir preto de 120.000 euros na mellora de áreas cortalume e de pistas forestais na comarca de Pontevedra, co obxecto de avanzar na prevención de incendios. As actuacións céntranse en zonas de alto risco de rexistrar lumes forestais dos concellos de Pontevedra, Barro, Meis e Poio, todos eles pertencentes ao distrito forestal XIX Caldas-O Salnés.
En concreto, os traballos preventivos consisten na mellora de pistas forestais empregando pa e motoniveladora, así como na roza e na instalación de pasos de auga onde é necesario. O obxectivo é facilitar o acceso dos medios de prevención e extinción por estas vías e, ao tempo, evitar a propagación e diminuír o risco de incendios forestais.
Canto á mellora de áreas cortalume, estanse a executar rozas, podas ou rareos, para interromper a continuidade da vexetación naqueles lugares especialmente axeitados de cara a deter un posible incendio forestal e para protexer os principais valores naturais.
En cifras, os traballos que se están a levar a cabo roldan as 30 hectáreas de mellora de áreas cortalume e a realización de rozas, podas e rareos en 10,76 ha desas áreas. En relación ás pistas forestais, actuarase en 7 hectáreas de faixas auxiliares e en 5 quilómetros deste tipo de vías.
Cabe engadir que os labores se localizan nos montes veciñais en man común de Curro, no concello de Barro; nos de Campañó, en Pontevedra; nos montes de San Tomé de Nogueira, en Meis; e nos de Tarrío e Arén, no concello de Poio.
Os traballos enmárcanse no Plan preventivo da Consellería do Medio Rural. A programación de 2022 vénse de aprobar no Consello da Xunta e contempla un investimento de 33,1 millóns de euros, para actuar en máis de 58.600 hectáreas do territorio e en case 5.800 quilómetros de pistas e outras vías de comunicación.
Relacionadas:
-
Poio adxudica o servizo de limpeza en camiños municipais
Por Redacción |
-
Extinguen na Caeira o primeiro incendio forestal da tempada
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Verten combustible sobre un coche e préndenlle lume
Por Redacción |
-
Actividades para todos os públicos en A Tomba, A Fracha e o Pontillón para demostrar que "o monte é teu"
Por Alejandro Espiño |
-
Unha de cada tres intervencións dos Bombeiros en 2021 foi para retirar niños de velutina
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello de Cuntis inicia unha rolda de reunións para explicar o plan municipal de defensa contra incendios forestais
Por Redacción |
-
Destinan 40.000 euros a previr incendios en zonas de alto risco de Meis, Barro, Pontevedra, Poio, Caldas e Vilagarcía
Por Redacción |
-
Xornada ambiental no colexio de Espedregada de Raxó cunha plantación de carballos e bidueiros
Por Redacción |