Proxectan a ampliación dun tramo do Camiño Banda do Río para garantir o paso de vehículos de emerxencia
Por Redacción
Este mércores 18, a comisión de Urbanismo do Concello de Poio analizará a reforma dun tramo do Camiño Banda do Río coa intención de ampliar a vía e garantir así o tránsito de vehículos de emerxencia e outros servizos de importancia para os residentes na zona.
No informe do enxeñeiro municipal exponse que o tramo do Camiño Banda do Río no que se pretende actuar se atopa entre unha marxe de vivendas ao carón e un muro de peche por outro. As persoas propietarias da parcela cederon parte deste terreo para poder acometer a mellora.
Desde o Concello agradecen a disposición veciñal e considera que esta obra é necesaria para a poboación desta zona da parroquia de San Xoán. Os traballos atópanse orzados en máis de 8.000 euros.
A obra contempla o desmonte do muro actual para realizar unha construción de zapata corrida de formigón e pedra. Ademais reconstruirase o peche, atendendo aos termos da cesión. O goberno local ten previsto desenvolver estes traballos no menor tempo posible. Entende que con esta actuación tamén se incrementará a seguridade no tránsito rodado e peonil nese tramo.