Prevén a creación dunha zona de carga e descarga preto da Praza da Granxa en Campelo
Por Redacción
Marga Caldas, concelleira de Seguridade Cidadá en Poio, informaba este luns de que nos próximos días iniciaranse os operativos para establecer a sinalización do tramo da rúa Pedro Soto que atravesa un núcleo urbano de Campelo coa intención de consolidar a plataforma única creada tras a reforma da zona e crear un espazo destinado a servizos e carga e descarga.
A intención é que este punto, situado nas proximidades da Praza da Granxa, permita que se realicen paradas breves dos vehículos para efectuar xestións nos diversos negocios situados na zona. Marga Caldas recoñece que esta decisión responde as demandas efectuadas por residentes nesta contorna e por profesionais e comerciantes con establecementos situados en Pedro Soto.
Actualmente non se permite a opción de parada na plataforma. En caso de efectuala, considerábase unha infracción por aparcamento indebido sobre a beirarrúa. Unha vez estudada a demanda cidadá, indica a concelleira, decidiuse establecer unha nova sinalización, tanto vertical como horizontal, que permita esas paradas breves na zona.
A zona de carga e descarga e servizos conta cos informes técnicos favorables e estenderase ao longo de 600 metros cadrados. O Concello mantíñase pendente da finalización das Festas de Fátima para iniciar os traballos, segundo indicou Marga Caldas, lembrando que, en todo caso, a zona ten preferencia peonil e anuncia que se adoptarán medidas para reducir a velocidade do tráfico na zona.
Relacionadas:
-
O Concello agarda ter pintado o núcleo de Campelo nos vindeiros días
Por Redacción |
-
Malestar veciñal pola falta de beirarrúas no acceso a vivendas na reforma da estrada provincial en Campelo
Por Redacción |
-
A reforma da estrada de Campelo habilitará unha gran praza na zona de A Granxa
Por Oskar Viéitez |