Arjen consegue salvar a súa panadería: "Estou moi agradecido coa resposta da xente"
Por María José Pita
En apenas dez días, Arjen Jaarsma, mestre panadeiro holandés afincado en Galicia dende hai 30 anos, conseguiu reflotar o seu obradoiro artesanal, Pandarán.
O 4 de maio publicaba en Facebook unha mensaxe desesperada aos seus clientes na que expoñía a situación: se non conseguía aumentar a facturación un 20% en menos dun mes veríase obrigado a pechar. Un día despois, PontevedraViva facíase eco da súa historia e, sumando uns e outros apoios, finalmente Arjen logrou alcanzou o seu obxectivo.
"Ata o de agora tivemos moi boa resposta, estou moi agradecido coa resposta da xente, estou a traballar máis, o 20 por cento estase a cumprir e eu teño a esperanza de que perdure", comunícanos Arjen en conversación telefónica recentemente acabada a repartición dos luns pola cidade de Pontevedra e contorna.
Os seus clientes e aqueles que o foron no pasado pero perderan o hábito de encargar o seu pan na súa herboristería ou tenda ecolóxica de referencia responderon á petición de axuda deste panadeiro artesán, que ten o seu obradoiro radicado no Polígono do Racelo, na Lama. A esta onda de seguidores, tamén hai que sumar novas incorporacións de tendas que se uniron á rede de distribución de Pandarán. As últimas, no Grove e A Coruña.
"Teño clientes novos, novas tendas, novos sitios físicos de venda, moitas tendas coas que levamos anos traballando, as que máis dende hai case 25 anos, estas últimas están a recuperar vendas, é dicir, tendas que antes encargaban 10 pans agora están a encargar 14, e isto era xusto o que necesitaba", explica Arjen Jaarsma.
O que ía ser o último mes de Pandarán Forno Integral agora serán polo menos dous máis, o tempo que necesita este panadeiro artesanal para ratificar que o seu negocio é viable e que poden aguantar polo menos ata a seguinte crise. Nos seus 30 anos de historia xa logrou superar varias. A actual, coa pandemia, a subida do prezo da enerxía e as materias primas ou a incerteza que xerou na economía a guerra en Ucraína vai camiño de vencela.