AGA Ucraína organiza dous eventos solidarios para recadar fondos
Por Manu Otero
O colectivo AGA Ucraína presentou este luns os dous próximos eventos que organizarán co obxectivo de recadar fondos para axudar ao pobo ucraíno. Trátase de dous sorteos que terán lugar este venres no Casino Mercantil de Pontevedra e unha semana máis tarde, no local da Comunidade de Montes de San Xoán de Poio.
Nestas dúas iniciativas pode participar calquera persoa a través da adquisición de rifas polo prezo de 2,50 euros o boleto. Con eles poden optar a multitude de premios doados de forma desinteresada por empresas da comarca que van desde estancias de hotel ata cesta de froitas ou lentes de sol. Ademais, desde a asociación fan un chamamento tanto aos particulares como ás empresas para que se animen a colaborar nesta campaña solidaria. Os interesados poden facelo poñéndose en contacto a través deste número de teléfono 687946469.
Alisa Proskur, ucraína residente en Galicia e unha das colaboradoras do colectivo, participou na presentación e aproveitou para detallar todas as accións que realizaron en favor do pobo ucraíno desde o inicio da invasión. En todo este tempo lograron dar acubillo a máis de 300 ucraínos, aos que non só prestan axuda humanitaria senón que lle ofrecen todas as facilidades para que logren unha plena integración na sociedade galega.
Atopar traballo é unha prioridade e grazas ao compromiso de moitas empresas, son numerosos os refuxiados que xa conseguiron emprego. Boa parte deles farano no sector da hostalería polo inicio da tempada estival. "Queren integrarse e sentirse útiles", explicou Proskur reiterando o seu profundo agradecemento a toda a sociedade galega por "estar a ser tan amables".
Pero desde Aga Galicia non só se limitan a ofrecer teito ás persoas refuxiadas, tamén ofrecen axuda aos ucraínos que permanencen no país. Desde o inicio do conflito partiron desde Galicia 17 camións de grandes dimensións con axuda humanitaria para as principais cidades invadidas. Alimentos, medicamentos, material sanitario son as principais materias que se enviaron a Ucraína grazas á doazón da poboación galega. Ademais, a través das dúas contas bancarias da asociación recadaron un total de 60.000 euros.
Sobre o evento solidario previsto para este venres, explicaron as voluntarias Fátima Ferreira e Beatriz Torres que se sortearán ata 12 produtos diferentes. O evento terá unha duración aproximada de dúas horas e esperan a participación de máis dun centenar de persoas, que poderán acceder de forma gratuíta ás instalacións do Casino Mercantil na Praza de Curros Enríquez.
Pola súa banda, o presidente do Casino Mercantil, Roberto Vega, recoñeceu que "é unha honra" colaborar neste tipo de iniciativas e considera que "todo o que se faga para axudar ao pobo ucraíno é fantástico".
Relacionadas:
-
Sorteo solidario na Seca este venres para axudar a poboación de Ucraína
Por Redacción |
-
Artistas de Pontevedra e Ucraína danse a man para "non seguir mirando cara a outro lado" coa guerra
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
AGA-Ucraína pide colaboración ás empresas para organizar sorteos solidarios polas vítimas da guerra
Por Redacción |
-
24 toneladas de solidariedade, rumbo a Ucraína
Por Anxo Lourido |