Pillan un experto ladrón que rouba por encargo
Por Oskar Viéitez
A Policía Local de Pontevedra volveu sorprender un individuo coñecido por roubar por encargo todo tipo de produtos que logo distribúe entre os seus "clientes". Este home, de 59 anos, está investigado por un presunto delito de furto continuado.
Segundo informan fontes oficiais da Xefatura da Policía Local, o pasado mércores 11 de maio, unha patrulla de servizo en Monte Porreiro, detecta este home camiñando pola rúa con dúas bolsas de plástico e que ao decatarse da presenza policial comezou a ter un comportamento nervioso, apurando o paso en dirección contraria a dos axentes, tentando chegar ata a súa vivenda.
Esta sospeitosa actitude chamou a atención dos municipais que deron o alto a este home e pedíronlle que mostrase o que levaba nas bolsas. Nelas levaba catro botellas de whisky Cardhu, 10 envases de touciño entrefebrado curado, dous pares de zapatillas Adidas e Pull & Bear e pantalóns da marca Adidas. Tamén levaba papel de aluminio e cinta de carroceiro que asemellaba á forma dás alarmas que adoitan poñerse nas pezas de roupa ou artigos susceptibles de ser furtados; ademais dun total de 1.550 euros.
Nos últimos anos, esta persoa foi interceptada en varias ocasións con produtos furtados en distintas tendas, non só en Pontevedra, senón en distintos lugares de Galicia. Ante este contexto, os axentes procederon coa intervención das mercadorías así como do diñeiro para investigar a súa orixe e a remisión das dilixencias ao xulgado.
O modus operandi deste persoa é ben coñecido pola Policía. Realiza furtos previo encargo.
Nos seus antecedentes consta que o 11 de outubro do 2018 os axentes do corpo local intervéñenlle unhas follas de notas, as cales contiñan anotacións de encargos de pezas de roupa para o seu furto, xunto con nomes, idades, e tallas, así como elementos para eludir as alarmas das pezas como ganzúas e papel aluminio.
Dependendo da ocasión, o home chegaba a esconder os seus furtos en consignas de supermercados.
Tamén no ano 2018, os axentes atoparon unha chave de consigna dun supermercado que contiña pezas de roupa furtadas en comercios próximos. En 2021, unha patrulla interceptouno saíndo doutro supermercado con bolsas de plástico con varias pezas de roupa.