O restaurante Casa Román cumpre corenta anos en Pontevedra
Por Oskar Viéitez
Corría o ano 1982. España acollía o Mundial de Fútbol e no Parador de Pontevedra estaba aloxada a selección italiana. Antes de ser campións, aquela escuadra azzurra de Paolo Rossi, Baresi, Dino Zoff e compañía, tivo a sorte de recalar nun restaurante que acababa de abrir as súas portas na cidade do Lérez: Casa Román.
Os seus fundadores, Eugenio Vidal e Maruja Alonso, xa tiñan desde facía case tres décadas outro local en Sanxenxo co mesmo nome e repetiron na capital da provincia a súa fórmula de éxito baseada na tradición familiar da gastronomía galega, o mellor produto local e un esmerado trato aos seus clientes.
Corenta anos despois Casa Román segue sendo un emblema en Pontevedra.
Á fronte do restaurante está Román Vidal, fillo dos fundadores, que segue fiel a aquela filosofía que puxo en marcha nos anos 30 o seu avó, tamén Román Vidal, nunha casa de comidas que abriu en Padriñán.
Así, Román Vidal explica que moitas das receitas mantéñense desde que a súa avoa Amalia dirixía a cociña, despois relevada pola súa nai Maruja. Ao seu carón aprendeu o primeiro xefe de cociña desde a apertura do local e este á súa vez foi ensinando aos seus compañeiros para que seguisen facendo co mesmo consinto esas elaboracións caseiras. É certo que na carta atópanse pratos cun toque máis moderno, pero sempre respetando a cociña tradicional galega.
Román pon todo o seu empeño en lograr sempre os mellores peixes e mariscos das nosas rías. Traballa coa lonxa diaria. Carnes, queixos, verduras... sempre produto fresco, de tempada e de proximidade. Provedores locais cos que labrou unha perfecta alianza.
E a terceira clave desta filosofía é o trato ao cliente, algo que en casa Román cóidase antes de que os comensais entren pola porta, cun plantel de persoal estable e consolidado, conformado por doce profesionais, entre sala e fogóns.
Formando parte deste equipo atópase outro Román Vidal máis, bisneto daquel Román Vidal que en 1930 iniciaba este negocio familiar.
A historia da cidade está ligada á deste local da rúa Augusto García Sánchez polo que pasaron boa parte dos seus veciños, autoridades e tamén famosos. Desde políticos como Adolfo Suárez, Aznar, Manuel Fraga, Mariano Rajoy, Rubalcaba, tamén os monarcas Felipe VI e Juan Carlos I, numerosos deportistas como Dei Stefano, Induráin ou Iago Aspas, artistas como Montserrat Caballé, Julio Iglesias, Sabina, Alaska, Pérez Esquivel, ou Jean Reno, por destacar só algúns nomes da súa interminable lista de persoeiros.
Corenta anos forxaron unha íntima relación de Casa Román coa sociedade pontevedresa completando a letra do coñecido dito popular para engadir que "a Boa Vila dá de beber (e comer) a quen pasa".
Relacionadas:
-
Sanxenxo chora a perda de Eugenio Vidal Santos
Por Oskar Viéitez |
-
Reabre Casa Román, un dos templos da gastronomía en Galicia
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Capturan un rodaballo xigante, de máis de 8 quilos de peso, na contorna de Ons
Por Redacción |
-
O 'Mare Nostrum' de El Cafetín e o bacallau con coliflor de Casa Román, gañadores de Pontedetapas 2019
Por Alejandro Espiño |
-
Juan Carlos I cea en casa Román despois de navegar pola ría
Por Diego Torrado & Oskar Viéitez |