A comunidade de augas de Vilaboa recibiu unha axuda da Xunta para mellorar os seus depósitos
Por Redacción
A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, comprobou este venres as melloras levadas a cabo na comunidade de usuarios de augas de Vilaboa, que contaron cunha axuda de preto de 14.000 euros ao abeiro das axudas da orde de veciños.
Segundo trasladaron os veciños, o obxectivo principal da comunidade de usuarios é garantir auga de calidade de maneira eficiente e económica, polo que precisaron levar a cabo diferentes melloras como o forrado dun vaso do depósito para evitar as perdas e manter a calidade da auga ou a instalación de control de calidade telemático en depósito.
Tamén instalaron unha válvula de enchido para evitar que o depósito cando esté cheo entre auga e haxa pérdidas polo rebosadeiro de auga clorada, mellorando así a eficiencia.
Natalia Prieto lembrou que a orde de acción comunitaria incrementou este ano o seu orzamento nun 20% con respecto ao 2021, ata acadar os 3 millóns de euros.