Vilaboa actuará en catro puntos do municipio para solventar o deterioro da rede viaria
Por Redacción
O Concello de Vilaboa executará en breve un proxecto de melloras con reasfaltado e calmado do tráfico en varios núcleos rurais, unha posta a punto da rede viaria interna no municipio na que a administración local vai investir 192.358 euros.
O proxecto executarase en catro fases diferenciadas por localidades, correspondendo as actuacións ás zonas de Cimadevila-Pazo, cun investimento de 45.935 euros; Acuña, con 23.412 euros; Larache, con 24.151 euros e Paredes, con 40.092 euros de investimento.
O obxectivo do proxecto en todos os casos é mellorar o estado do firme, moi deteriorado por causa da chuvia e con visibles fochancas, e acondicionalo para garantir a seguridade dos peóns e o calmado do tráfico coa instalación de lombos reductores da velocidade.
No caso de Río-Cimadevila-Pazo (Vilaboa), a actuación contempla a apertura de canalizacións para drenaxe das augas pluviais; o fresado do pavimento existente nos accesos ás vivendas e nos entronques coa rede viaria; a apertura de caixa e formación de base con zahorra de sobreancho ata os peches existentes e a construción dun muro de contención de vial de escolleira de granito.
Trala pavimentación do vial, instalaranse lombos redutores de velocidade con pintado de marcas laterais e central, así como marcaxe de letreiros para sinalización horizontal e colocación de sinais de tráfico verticais, en poste galvanizado, debidamente cimentado.
En Acuña fresarase o pavimento existente nos accesos ás vivendas e nos entronques coa rede viaria, limparanse as cunetas e pavimentarase a pista en quente. Xunto a este vial crearase outro paralelo para sendeiro peonil e vehículos agrícolas, con pintado de marcas laterais mediante pintura reflexiva e microesferas de vidro, así como marcaxe de letreiros para sinalización horizontal e colocación de sinais de tráfico verticais.
Na zona de Larache, en Santa Cristina de Cobres, fresarase o pavimento existente nos accesos ás vivendas e nos entronques coa rede viaria; limparanse as cuentas; pavimentarase de novo con mistura bituminosa en quente e instalaranse lombos redutores de velocidade con pintado de marcas laterais na totalidade da rede viaria do núcleo mediante pintura reflexiva e microesferas de vidro, así como marcaxe de letreiros para sinalización horizontal e colocación de sinais de tráfico verticais na totalidade da rede viaria do núcleo.
En Paredes tamén se fresará o pavimento existente nos accesos ás vivendas e nos entronques coa rede viaria, con limpeza mecánica do vial e repasado manual de cunetas para a súa posterior pavimentación en quente cunha actuación de calmado de tráfico no interior de rúas residencias con tráfico pesado e faixas transversais redutoras de velocidade.
Neste entorno porase tamén en valor a contorna da “Fonte das Raposeiras” mediante demolición do pavimento existente e colocación de lastro de granito silvestre, con pintado de marcas laterais e marcaxe de letreiros para sinalización horizontal e colocación de sinais.