Carmela Silva cre que o discurso de Rueda foi "antigo, aburrido e sen ideas" e Lores critica a "falta de perspectivas" da Xunta
Por Oskar Viéitez
"Foi un discurso antigo, aburrido e sen ideas" valorou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva a intervención do candidato á Presidencia da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.
A preguntas dos xornalistas no transcurso dun acto xunto ao alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, a presidenta da Deputación de Pontevedra matizou que fai esta valoración do discurso "sen ánimo de comezar con ningunha confrontación" e expresou a súa intención de brindar a Alfonso Rueda os "cen días de confianza" para avaliar a súa xestión.
Carmela Silva botou en falta no discurso de investidura referencias á política industrial, á sociedade dixital, avances en dereitos, medio ambiente e ecoloxía, incrementar a política social, nin abordou a igualdade "dunha forma potente, seria, con compromisos", "non falou de mellorar a sanidade" nin da atención ás persoas maiores, "nin da necesaria remodelación de todos os centros educativos que están nunha situación deplorable", da nova mobilidade recuperando o espazo público para as persoas, "é dicir, non lle escoitei falar de nada relevante", resumiu.
A mandataria socialista engadiu que as "baixadas mínimas de impostos" anunciadas por Alfonso Rueda "non arranxan nada a ninguén" xa que, segundo destacou, "o que ten que haber é un novo modelo de fiscalidade onde paguen máis os que máis teñen".
Tamén reprochou que Rueda dedicase unha parte do seu discurso para "botar balóns fóra" e "meterse co Estado".
Finalmente, Carmela Silva quixo puntualizar que "eu nunca confrontei coa Xunta de Galicia sempre confrontou coa Deputación de Pontevedra a Xunta" e engadiu que "Feijóo e Rueda pretenderon converterse na oposición á Deputación de Pontevedra e a día de hoxe iso segue, pero eu espero que iso cambie e que teñamos unha relación de lealdade e de poder facer cousas conxuntamente". "Un pouco nos milagres aínda creo", chanceou Carmela Silva.
"Continuísmo, pasado e desde logo sen perspectivas", engadiu pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores que apuntou que comparte "en xeral" a valoración da presidenta da Deputación.
Para Lores o Executivo autonómico que encabezará o pontevedrés Alfonso Rueda será "claramente continuista" co labor do Goberno de Alberto Núñez Feijóo do que "descoñezo cal é a súa liña de traballo, por exemplo, para mellorar a actividade económica e o emprego en Galicia".
"Hai unha débeda que triplica a que había cando se foi o Bipartito e unha deterioración dos servizos públicos de forma absolutamente ostensible", asegurou o rexedor nacionalista.
Por último, o alcalde de Pontevedra conclúe que o Goberno da Xunta ten "falta de confianza no país" que fai que non implemente "políticas para avanzar" apoiándose nas potencialidades deste territorio.
Relacionadas:
-
David Regades considera unha boa nova a presidencia de Rueda porque é "un especialista en perder eleccións"
Por Redacción |
-
Alfonso Rueda, sexto presidente da Xunta de Galicia
Por Alejandro Espiño |
-
A oposición lamenta o discurso "autocomplacente" dun Rueda que "representa o pasado"
Por Alejandro Espiño |
-
Rueda promete "aprender leccións" de todos os seus antecesores para "mellorar o legado destes anos de goberno"
Por Alejandro Espiño |
-
Alfonso Rueda tomará posesión como presidente da Xunta o 14 de maio
Por Redacción |