Rueda promete "aprender leccións" de todos os seus antecesores para "mellorar o legado destes anos de goberno"

Por Alejandro Espiño

© EFE / Lavandeira Jr.

© EFE / Lavandeira Jr.

© EFE / Lavandeira Jr.
En apenas 48 horas, Alfonso Rueda converterase oficialmente no sexto presidente da Xunta de Galicia. Farao tras solicitar este martes a confianza do Parlamento galego para substituír a Alberto Núñez Feijóo, que renunciou ao seu cargo para liderar o PP nacional.
"Cambia un dos camiñantes, pero o camiño continúa", sinalou Rueda no seu discurso de investidura no que, durante case hora e cuarto, reivindicou o "legado" do últimos trece anos de goberno, que se comprometeu a "ampliar e mellorar".
Tras citar a todos os seus antecesores, dos que afirmou que "de todos hai leccións que aprender", o futuro presidente galego reiterou que "nin podo nin intentarei ser Feijóo", pero garantiu que traballará "para afondar nos acertos que tivo a nosa terra nestes corenta anos e para tentar mellorar aquilo que aínda pode facerse mellor".
A súa prioridade, afirmou, será que Galicia siga sendo un referente da " normalidade excepcional" coa que "marcamos o rumbo do resto de España", apostando por unha xestión "sen triunfalismos desmedidos, pero tamén sen flaxelos".
"O gradual é mellor que o drástico, o moderado é mellor que o extremo e o consensuado é mellor que o imposto", destacou Alfonso Rueda, que insistiu en que Galicia "é hoxe un lugar mellor para vivir que hai trece anos".
Na súa intervención, Rueda puxo en valor a política económica dos gobernos de Núñez Feijóo que deixan, segundo dixo, unha comunidade "saneada", con capacidade para "seguir investindo no futuro de Galicia" e disposta a reducir a carga fiscal aos cidadáns.
O dirixente pontevedrés reiterou que non quere ser presidente "para fotocopiar as últimas páxinas da nosa historia, aínda que estas foron memorables", senón para "escribir entre todas e todos algunhas das nosas mellores liñas do noso futuro".
Para iso, os tres piares sobre os que se asentará a súa xestión á fronte da Xunta serán "o traballo, a familia e o futuro de Galicia", contribuíndo a "aliviar" as dificultades dos cidadáns "facendo nosas as súas prioridades e, sobre todo, dicíndolles sempre a verdade".
A este respecto, avanzou que Galicia debe crear "cada vez máis traballo e de mellor calidade", ampliar as coberturas sociais e asentar a xeración de riqueza sobre industrias "sustentables" e sobre proxectos "tractores" en sectores como a automoción, o téxtil, o forestal, a agroalimentación, a pesca ou a tecnoloxía, apoiando o emprendemento.
Ademais, Rueda identificou o reto demográfico como a "maior ameaza" á que se enfronta Galicia e prometeu que "faremos todo o que estea na nosa man" para reforzar áreas esenciais como a sanidade, a educación ou os servizos sociais ou para recuperar terreos agrarios no medio rural.
Unha maior aposta polas enerxías renovables e por unha Galicia "máis verde", impulsar unha investigación científica de "alta calidade", a posta en valor do patrimonio, a protección a unha lingua e unha cultura galega en "plena eclosión" ou un turismo "ben xestionado" serán outros dos eixos do novo goberno galego.
Entre os anuncios realizados ao longo do seu discurso de investidura, Alfonso Rueda avanzou que reducirá o IRPF ás rendas máis baixas, que a educación de 0-3 anos será tamén gratuíta para fillos únicos ou que se incorporarán tres novas vacinas gratuítas ao calendario infantil: meninxite b, virus do papiloma humano e a antigripal tetravalente.
Ademais, impulsará un plan de apoio aos galegos que desexen regresar da diáspora, reforzará a oferta educativa en FP e universidades, contrataranse máis médicos, aprobaranse plans contra o acoso escolar e de saúde mental ou haberá programas para garantir emprego, formación e vivenda para os mozos.
"Para que Galicia sexa un país onde se viva en paz, en xustiza, en progreso, en benestar social e para que Galicia viva en liberdade, temos a obriga moral e o compromiso formal de seguir traballando arreo para que este, o noso país, sinta que o futuro non será cativo", concluíu.
Relacionadas:
-
Alfonso Rueda, o 'herdeiro' do legado que deixou Núñez Feijóo en Galicia
Por Alejandro Espiño |
-
Alfonso Rueda, sexto presidente da Xunta de Galicia
Por Alejandro Espiño |
-
Carmela Silva cre que o discurso de Rueda foi "antigo, aburrido e sen ideas" e Lores critica a "falta de perspectivas"
Por Oskar Viéitez |
-
A oposición lamenta o discurso "autocomplacente" dun Rueda que "representa o pasado"
Por Alejandro Espiño |
-
Alfonso Rueda tomará posesión como presidente da Xunta o 14 de maio
Por Redacción |
-
Núñez Feijóo, na súa despedida: "Galicia foi a miña mestra e dela aprendín que gobernar consiste en dialogar"
Por Alejandro Espiño |
-
Alfonso Rueda avanza unha "nova etapa" en Galicia na que aplicará "o meu propio estilo"
Por Alejandro Espiño |