"Dilapidaron o crecemento dun pobo con só plantexar a construción dun encoro en Forzáns"
Por Redacción
Logo da multitudinaria manifestación que tivo lugar este domingo polas rúas de Ponte Caldelas, o alcalde do municipio, Andrés Díaz, agradece o "masivo apoio" da veciñanza do concello e de toda a comarca "que se sumou a unha protesta que non só buscaba evidenciar o rexeitamento masivo ás propostas de transvasamento do Verdugo e construción dun encoro en Forzáns, senón que conseguiu ir máis aló e converteuse nun acto de defensa do rural galego, dándolle voz ao que definen como Galicia ou España baleirada".
O alcalde de Ponte Caldelas afirma que "semella que tanto Xunta de Galicia como Estado, en lugar de traballar para atraer máis persoas cara ao rural din unha cousa e fan outra. Fomentan que Galicia se siga baleirando. Non nos teñen en conta".
"No caso concreto de Ponte Caldelas, dilapidaron o crecemento dun pobo con só expor a construción dun encoro en Forzáns. Quen vai querer comprar un terreo ou vivir aí sabendo que hai esa proposta sobre a mesa? Como se pode cometer a irresponsabilidade de expor unha infraestrutura de tal magnitude sen elaborar estudos de impacto ambiental? Nin Forzáns nin Ponte Caldelas nin ningún outro concello da comarca son un deserto. Son pobos con vida, con veciños e con futuro que tres administracións totalmente alleas á realidade deixaron castigados de por vida", sentenciou Díaz.
Díaz amósase "perplexo" ante a actitude de Xunta de Galicia, Concello de Vigo e Goberno de España que, "un mes despois de lanzar esta onda expansiva nos medios de comunicación, seguimos sen ter o estudo que propostas, a pesar de ser o concello máis afectado, e seguen sen recibirnos".
Para Díaz a manifestación do domingo marcou un antes e un despois, pois "a directora de Augas de Galicia de Galicia esperou a ver a repercusión da manifestación para falar sobre o estudo".
"Descarta o transvasamento por unha cuestión ‘matemática’ pero non descarta o encoro, que o contempla a longo prazo. Poida que facer unha nova presa sexa a opción máis barata, pero non imos permitir que leve a cabo cando se poden facer desalinizadoras ou potabilizadoras para as grandes cidades. Non pode ser que corten o crecemento duns concellos do rural para impulsar o crecemento doutros municipios. Non é de recibo", engadiu.
Díaz non descarta máis mobilizacións porque "queda claro que só atenden á presión social" deixando tamén claro que a Xunta de Galicia é a única administración que pode facer ou autorizar obras nos ríos galegos.
Relacionadas:
-
Ponte Caldelas promove unha recollida de firmas contra os plans para intervir no Verdugo e Oitavén
Por Redacción |
-
Ponte Caldelas expón ao público o documento oficial do transvasamento e do encoro de Forzáns
Por Redacción |
-
O estudo de alternativas tamén propón unha presa no Verdugo inundando Portasouto e A Fraga
Por Oskar Viéitez |
-
O alcalde de Ponte Caldelas lamenta que a conselleira "bote balóns fóra" no transvasamento do Verdugo
Por Oskar Viéitez |
-
O bombeo do Verdugo é un "sinsentido", segundo a Xunta, que rexeita tamén a presa de Forzáns
Por Alejandro Espiño |
-
Ponte Caldelas alza a súa voz en defensa dos seus ríos: "Nin trasvase, nin encoro"
Por Redacción |
-
Colectivos ecoloxistas súmanse ao rexeitamento á creación dun encoro no río Oitavén e o transvasamento no Verdugo
Por Redacción |
-
Máis de oitenta colectivos únense contra a "agresión" ao Verdugo e o Oitavén
Por Redacción |