Estudantes de Dirección e Xestión Pública propoñen unha "auditoría social" para reforzar a Zona Monumental
Por Redacción
Dentro das actividades que realizan no primeiro curso de Socioloxía xeral, estudantes do grao en Dirección e Xestión Pública do campus de Pontevedra levan a cabo o proxecto Guía de servizos aos asociados do Centro Comercial Urbano Zona Monumental. Trátase dun Aprendizaxe-Servizo (ApS) que, entre outros temas, axuda a concienciar ás persoas máis novas sobre a importancia do consumo no ámbito local.
Durante este traballo analizan as demandas, puntos fortes e necesidades que esta entidade presenta. Os catro estudantes que promoven esta iniciativa recollen, desde marzo, opinións de diferentes representantes de establecementos asociados a Zona Monumental para coñecer detalles específicos e avaliar os servizos que reciben, segundo manifesta Sara Torres, a profesora responsable desta actividade.
Sinala que esta proposta permite coñecer a unha organización que non é propiamente unha administración, pero que traballa con elas e que constitúe un axente socioeconómico da cidade. Desde Zona Monumental indican que a idea é desenvolver unha "especie de auditoría social" co traballo que realizan que permita contribuír a ofrecer melloras e posta en valor que permita cumprir cos obxectivos da entidade comercial.
Miguel Lago, presidente de Zona Monumental, e Mónica Tomé, xerente da asociación, mantiveron encontros con estes estudantes para explicarlles o nacemento no ano 1989 deste colectivo que buscaba revitalizar económica e comercialmente o centro histórico. En 2003 pasou a converterse en Centro Comercial Urbano e conta con preto dun centenar de establecementos tanto destinados a comercio como a servizos, hostalería, lecer e profesionais de distintos labores con sede nesta zona da cidade.
Os estudantes tamén coñeceron os servizos administrativos, de asistencia e asesoramento, ademais de tramitación de subvencións ou realización de pagos e cobranzas que exerce esta entidade. Desta forma, o grupo de estudantes ten a posibilidade de aprender as fórmulas de colaboración que se poden prestar como futuros profesionais no asesoramento e avaliación de programas de diversas entidades.
Unha vez conclúa todo o traballo, os alumnos elaborarán unha memoria final coa posibilidade de emitir un informe con recomendacións e liñas de actuación para o próximo bienio ou un folleto informativo no que se expoñan diferentes fundamentos da asociación. Despois o traballo será presentado tanto a Zona Monumental como ao resto de estudantes desta materia. O proxecto tamén axuda a analizar a realidade actual dun sector moi feminizado como é o do comercio, coas dificultades que ofrece para conciliar debido á vez que demanda, afirma Sara Torres.