Os taxistas de Vilagarcía formaranse en primeiros auxilios
Por Redacción
O Concello de Vilagarcía proporcionará formación básica sobre primeiros auxilios aos taxistas con licenza no municipio.
Os auto patróns poderán asistir de forma gratuíta ás sesións de dúas horas de duración que impartirán formadores titulados do Servizo Municipal de Emerxencias.
Organizaranse catro sesións, dúas de mañá e dúas de tarde, para que todos os taxistas poidan asistir de forma organizada, de xeito que a súa asistencia non afecte á prestación do servizo. Nas sesións abordaranse de forma teórica e práctica os aspectos elementais e máis comúns en situacións de emerxencia nas que unha actuación rápida pode salvar unha vida mentres non chegan os servizos sanitarios.
Por último, explicaráselles o funcionamento das centrais de coordinación de emerxencias, como o 112 ou o 061, a efectos de que coñezan o proceso que se pon en marcha dende que se recibe unha chamada e como se mobilizan os recursos dispoñibles para dar a atención precisa e enviar a ambulancia.
Os taxistas que asistan á formación recibirán un diploma acreditativo.
En Vilagarcía existen actualmente 40 licencias de taxi, aínda que o número de condutores é maior xa que hai vehículos que contan con dous taxistas autorizados para cubrir as quendas do servizo 24 horas.
Relacionadas:
-
Cando o mellor amigo do home tamén se converte nos seus ollos
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A corporación reclama un servizo ferroviario "moderno, eficiente e competitivo" no Eixo Atlántico
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Pontevedra incrementou nun 24% os desprazamentos peonís e ciclistas na última década
Por Redacción |
-
O 'coche de punto' remata a súa fase de probas con 2.152 quilómetros percorridos e 56 usuarios
Por Alejandro Espiño |