Pontevedra insiste en limitar máis o tráfico como vía para cumprir a lei de cambio climático
Por Redacción
A entrada en vigor da lei de cambio climático obrigará a todas as cidades de máis de 50.000 habitantes a implantar antes de 2023 zonas de baixas emisións para reducir a contaminación provocada polo tráfico. E Pontevedra é unha das localidades que terá que facelo.
A propia lei achega dúas vías para crear estas zonas, ou ben aplicar unha peaxe e que os condutores teñan que pagar por entrar no centro das cidades ou ben restrinxir este acceso só para os coches que teñan etiqueta ecolóxica, expulsando os máis contaminantes.
Pero desde Pontevedra insisten, como lle trasladaron ao Ministerio para a Transición Ecolóxica, por unha terceira vía que, segundo o goberno municipal, vén avalada polo seu modelo urbano.
Así, tal e como recolle o Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) que ultima o Concello, a opción de seguir limitando o tráfico recuperando o espazo público para os peóns "é a alternativa máis eficiente e menos custosa" de todas as propostas para a implantación destas zonas.
O documento propón afondar no modelo local promovendo a redución de tráficos motorizados, o aproveitamento do espazo público e descarta a implantación de fórmulas de pago á hora de circular ou estacionar nas rúas da cidade.
De ser aplicadas as alternativas descartadas, Pontevedra "correría o risco de verse de novo invadida por vehículos" que limitasen os usos dos espazos actualmente de preferencia peonil e así aumentar as retencións, aseguran desde o executivo municipal.
Para respaldar esta afirmación, o equipo redactor do PMUS comparou os resultados acadados por Pontevedra con cidades que aplicaron as outras medidas.
Singapur, Estocolmo, Madrid, Milán ou Londres lograron reducións na entrada de vehículos que oscilan entre o 22% e o 41%, mentres que Pontevedra roza o 70% respecto dos vehículos que entraban hai anos na cidade "e sen cargas económicas asociadas", sinala o Concello.
Ademais, recordan que as medidas e os resultados non están circunscritos a unha zona central, máis ou menos extensa, senón que abranguen practicamente a toda a cidade compacta.
Con estes datos sobre a mesa, o PMUS recolle como a proposta máis viable á hora de implantar as zonas de baixas emisións, a realizada en Pontevedra ao longo destes anos, é dicir, á de afondar na redución do tránsito motorizado e no calmado do tráfico.
Relacionadas:
-
Rafa Domínguez afirma que reducir a velocidade a 10 km/h en parte da cidade "es pasarse completamente de frenada"
Por Redacción |
-
As ANPAS achegarán suxestións para mellorar a mobilidade nos colexios
Por Redacción |
-
Catro mil metros cadrados peonís máis cada ano, o obxectivo de Pontevedra para crear unha "cidade integradora"
Por Alejandro Espiño & Diana Eiras |
-
Retirar tráfico motorizado das beiras do Lérez, un dos obxectivos marcados no Plan de Mobilidade Urbana Sostible
Por Redacción |
-
O Ministerio de Transportes ábrese a que a Lei de Cambio Climático recoñeza a eficacia do "modelo Pontevedra"
Por Redacción |
-
Pontevedra incrementou nun 24% os desprazamentos peonís e ciclistas na última década
Por Redacción |
-
Toda a "cidade compacta" será zona de baixas emisións antes de 2023
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra seguirá limitando o tráfico para crear zonas de baixas emisións
Por Alejandro Espiño |