Rafa Domínguez, reelixido presidente do PP local, pide "unha Pontevedra aberta á ría" arroupado por Feijóo, Rueda e Rajoy
Por Diego Espiño & Cristina Saiz
Acompañado da plana maior do Partido Popular, tanto a nivel nacional como autonómico, Rafa Domínguez foi reelixido como presidente local da formación en Pontevedra nun congreso celebrado este sábado no Hotel Galicia Palace da cidade.
Domínguez, que logrou o 97,3% dos votos dos afiliados populares, estivo arroupado o recentemente nomeado presidente nacional do PP, Alberto Núñez Feijóo, o próximo presidente autonómico Alfonso Rueda e o ex-presidente do Goberno Mariano Rajoy, entre outros.
"O señor Lores fixo cousas boas ao principio, non podemos negar a evidencia, o modelo de cidade que implementou nos primeiros anos está ben. O bo imos mantelo, pero eu creo que xa se lle pasou o arroz, creo que leva anos de máis e creo que a Pontevedra que nós queremos necesita un novo impulso e un cambio", defendeu na súa intervención o que será candidato do PP nas próximas eleccións municipais.
"Quero unha Pontevedra limpa, unha Pontevedra ecolóxica, que poida mirar ao mar. Unha Pontevedra cunha ría saneada, cunha ría dragada, como me gustaría ver que veñen barcos pola ría, que veñen ata Pontevedra e que paran na nosa zona vella para gozar da nosa hostalería. Eu quero unha Pontevera aberta á ría", afirmou tras agradecer a presenza dos ex-presidentes locais do partido (Mariano Rajoy, Telmo Martín, Teresa Pedrosa, Jacobo Moreira e Juan Luís Pedrosa) sen esquecer "como boto de menos a Pancho Cobián", lembrou.
Rafa Domínguez presentou no acto á súa nova executiva, composta por "xente nova e preparada", cunha "maioría de persoas que estamos aquí que temos o noso emprego e logo dedicámonos ademais á política, e iso fai moitas cousas e unha delas é que sexamos libres á hora de tomar decisións", asegurou.
Esa executiva estarás formada por: Luis Encinas, Gregorio Andión, Aroa Otero, Raquel Lorenzo, Silvia Crespo, Raquel Martínez, Beatriz Rey, Juan Carlos Abeigón, Blanca García Señoráns, Guadalupe Murillo, Ana Isabel Vázquez, Guillermo Juncal, Gerardo Pérez Puga, Juan Manuel Muñoz Cerrada, Martín Martínez, Silvia Junco, Pablo Fernández, José Benito Suárez Costa e Pepa Pardo.
FEIJÓO AGRADECE A RAFA DOMÍNGUEZ "O SEU COMPROMISO"
O encargado de pechar o congreso do PP de Pontevedra foi o ata hai pouco presidente da Xunta de Galicia e agora máximo responsable popular a nivel nacional, Alberto Núñez Feijóo, que comezou a súa intervención "agradecendo a Rafa o seu compromiso", así como o apoio de "todas as persoas que queren un cambio na cidade de Pontevedra".
"Rafa, tes a responsabilidade de abrir unha nova etapa no Concello de Pontevedra. Tes a responsabilidade de ofrecerlle un presente e sobre todo un novo fututo a unha nova Pontevedra", sinalou desde o atril defendendo as achegas realizadas desde o goberno da Xunta nos últimos anos para conseguir "unha nova Pontevedra da xustiza, hai unha nova Pontevedra que estamos a construír da sanidade, unha nova Pontevedra do transporte público e intermodal, unha nova Pontevedra de industria que non pecha senón que abre e unha nova Pontevedra capital do turismo das Rías Baixas".
Feijóo aproveitou tamén a súa intervención para referirse a Alfonso Rueda, ao que ten previsto apoiar no próximo congreso autonómico que tamén se celebrará en Pontevedra, e facer un repaso da actualidade nacional, asegurando que "o Goberno actual desconectou do problema dos cidadáns e está absolutamente obsesionado cos seus problemas internos" porque "o Goberno fixo da crise o seu estado natural das cousas, non importa se falamos de seguridade nacional, non importa se falamos de política exterior, non importa se falamos da guerra de Ucraína, o Goberno sempre está disposto a mostrarnos a súa capacidade de facerse oposición a si mesmo", afirmou.
ALFONSO RUEDA E MARIANO RAJOY
Na rolda de intervencións destacaron tamén as palabras do ex-presidente de Goberno Mariano Rajoy, quen nun ton distendido lembrou en referencia ao BNG que "é verdade que Pontevedra necesita un cambio, levan no concello 25 anos, case un cuarto de século. No século pasado xa estaban, son da miña quinta aínda que parecen moito maiores que eu", para despois afirmar que "non se pode vivir só da administración, hai que ser ambiciosos".
Pola súa banda o presidente provincial do Partido Popular chamado a ser o próximo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, apoiou o traballo dun Rafa Domínguez que "creceu moito estes tres anos", e puxo en valor a historia da súa formación na corporación local, porque "tivemos alcaldes, ás veces non nos acordamos, e séguese vivindo de cousas que fixemos nós hai moitísimo tempo", asegurou.
Relacionadas:
-
Rafa Domínguez promove unha xunta directiva ampla e "con representación de todas as opinións"
Por Redacción |
-
Rafa Domínguez, presidente local do PP: "creo que o BNG ten un problema de cambio xeracional"
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
Feijóo, Rajoy, Pastor e Rueda arroupan a Rafa Domínguez na súa reelección para presidir o PP local
Por Redacción |
-
Rafa Domínguez 'recupera' a Rosanna López Salgueiro para presidir o "consello de sabios" do PP de Pontevedra
Por Redacción |
-
O PP de Pontevedra contará con catro grupos de traballo independentes
Por Redacción |
-
Rafa Domínguez ficha á doutora Raquel Martínez e á empresaria Silvia Crespo
Por Redacción |
-
Un "think tank" en igualdade, proposta do PP na busca de máis oportunidades para as mulleres
Por Redacción |
-
Rafa Domínguez formaliza a súa candidatura para renovar o seu liderado no PP de Pontevedra
Por Redacción |