Pinchos e tapas enchen o pavillón de Salcedo
Por Diego Torrado
O pavillón de Cabanas, en Salcedo, encheuse durante a fin de semana de comensais dispostos a gozar da Festa Gastronómica de Pinchos e Tapas. O cheo do recinto e a valoración positiva dos participantes demostraron que a segunda edición do evento acadou o mesmo éxito que a primeira, organizadas ambas pola Sociedade Cultural Deportiva da parroquia.
A festa desenvolveuse durante o sábado e o domingo e os asistentes puideron gozar de pinchos ou tapas de polbo á feira, navallas, orella, lombo de boi á pedra, chorizo ao viño, tortilla, xamón asado, zorza, callos, empanada ou torta de Salcedo, todo a prezos populares de entre un e seis euros e elaborado con produtos galegos. Os comensais demandaron, en especial, o polbo á feira, do que destacaron que estaba "no seu punto" e o prezo competitivo que tiña.
Esta II Festa Gastronómica de Pinchos e Tapas tivo unha programación complementaria que incluíu unha ruta de senderismo, exhibición de gimnasia, animación da charanga DGT, actuacións da orquesta Nuevo Talismán e Sotto Vocce Fusion, un partido amistoso co equipo de fútbol Xoán XXIII, paraolimpíadas rurais en colaboración coas asociacións Amizade e Amencer-Aspace, roteiro de vespas e motos clásicas, gymkana infantil e un torneo de billarda.
Todos os beneficios da festa, que este ano estivo adaptada para persoas con mobilidade reducida, serán destinados á Sociedade Cultural Deportiva Salcedo, para seguir traballando na súa loita diaria por formar aos nenos dos 10 equipos cos que conta na actualidade.