Rueda cre que Calvo e Conde estarán no seu Goberno e insiste en contar "cos mellores"
Por Oskar Viéitez
O vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, asegurou que espera que Diego Calvo e Francisco Conde aceptarán formar parte do seu Goberno, que contará "cos mellores" sen cotas territoriais.
Con todo, si que destacou que sería un "erro" empezar por ver de onde é cada persoa e logo coñecer a súa valía no canto de "facelo ao revés" e escoller ás persoas "que realmente valen" con independencia de que lugar de Galicia sexan. "Gobernaremos para toda Galicia e todos somos galegos", reivindicou.
Antes de facer estas declaracións Rueda participou nun acto comarcal co PP do Salnés celebrado en Vilagarcía.
O candidato á Presidencia do PPdeG pediu ao seu partido remar "todos a unha" e camiñar xuntos para seguir ofrecendo aos galegos unha Comunidade "aínda máis potente" en todos os eidos.
Como sinalou, "o Congreso autonómico é só o inicio dun gran traballo que deben facer unidos para chegar a metas inéditas como a quinta maioría absoluta": "É posible, depende de nós e imos conseguila". Salientou que os populares exercen as súas responsabilidades "sen divisións, con moderación, sen improvisacións e cun proxecto de maiorías". "Cando o PPdeG está en postos de goberno, nótase".
Finalmente reivindicou a política de proximidade e o labor do municipalismo, resaltando que a súa formación sairá a gañar en todos os concellos da provincia de Pontevedra "sen excepción".
Logo de afirmar que os populares teñen que ser o exemplo do presidente Alberto Núñez Feijóo para alcanzar a Moncloa, subliñou que só hai un PP que "non é o de Rueda nin o de ninguén, é o Partido Popular de Galicia".
Relacionadas:
-
Alfonso Rueda tomará posesión como presidente da Xunta o 14 de maio
Por Redacción |
-
Galicia "ten ganas de cambio", di a oposición tras a renuncia de Núñez Feijóo e ante un goberno "esgotado e falto de ideas"
Por Alejandro Espiño |
-
Núñez Feijóo, na súa despedida: "Galicia foi a miña mestra e dela aprendín que gobernar consiste en dialogar"
Por Alejandro Espiño |