Os comuneiros de Carballedo queren converter o campo de Sión nun espazo de lecer
Por Redacción
Tres horas durou a xuntanza de traballo que mantivo a directiva da comunidade de montes de Carballedo co alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, ao que lle pediron colaboración para abordar varios proxectos que teñen en carteira.
Así, o presidente dos comuneiros, Antonio González Troitiño, expúxolle ao alcalde as principais liñas de actuación da xunta xestora para o presente mandato.
Xiran en torno á necesidade de que o Concello colabore na rehabilitación da Casa do Emigrante, melloras no campo de fútbol de Sión para reconvertilo nun espazo de lecer e multiusos para os veciños, así como abordar unha actuación na carballeira de D. Elías González
Os comuneiros pediron tamén a axuda do alcalde para demandar da Deputación e do Goberno central que se leve a cabo o plan previsto de actuación no entorno rupestre do Alto da Cruz do Castro para protexelo, conservalo e poñelo en valor.
Cubela comprometeu o seu apoio a estas iniciativas e, pola súa banda, amosoulles o seu interese para establecer vías de colaboración para a mellora da área fluvial da Chan, onde os comuneiros dispoñen de parcelas e terreos subsceptibles de formar parte dun proxecto máis amplo.
Toda esta zona está cercana ademais ao albergue de peregrinos da Vía Mariana, que se porá en funcionamento próximamente, recordou o alcalde, que destacou o seu valor como polo de atracción turística, como o centro BTT que tamén se impulsa en Carballedo.