Os postos vacantes do gastromercado sairán a concurso antes de final de ano
Por Alejandro Espiño
Camiño dos tres anos desde a súa apertura, o gastromercado da praza de abastos de Pontevedra non atravesa o seu mellor momento. A pandemia, que interrompeu a súa actividade durante meses, e o peche dalgunhas das súas propostas gastronómicas non llo puxeron fácil.
Pero no goberno municipal parecen estar decididos a revitalizar este proxecto, conscientes do seu potencial e do atractivo que supón para toda a actividade do mercado.
Así, a falta dos informes técnicos que o avalen, o departamento de Promoción Económica prevé sacar a concurso todos as postos vacantes antes de que finalice este ano.
"Urxe revitalizar o gastromercado e para iso temos que meter xente nova", afirma a edil socialista Yoya Blanco, que avanza que o procedemento administrativo está "moi avanzado".
A intención é que os postos que están libres sexan ocupados por propostas gastronómicas que complementen ás xa existentes, enriquecendo así a oferta global deste espazo.
A este respecto, o Concello confía en que este novo concurso para adxudicar os postos sexa un éxito, ante o crecente interese que detectaron nos últimos meses por este proceso.
Ás novas iniciativas sumarase, se todo vai segundo o planeado, o CIFP Carlos Oroza, para o que reservou desde o principio un dos postos deste espazo gastronómico.
A escola de hostalería, explica Blanco, "sempre di que si a todo o que lle propoñemos" e, neste caso, "están no proceso de ver o que necesitan" para asumir esta responsabilidade.
Os mozos aprendices da escola pontevedresa, supervisados polos seus profesores, terán a oportunidade de realizar prácticas nunha contorna real, ofrecendo aos clientes as súas propostas.
Nestes momentos, ademais de Olmos Gastrobar e Bar Praza, as dúas cafeterías permanentes da primeira planta do mercado de abastos, permanecen abertos sete postos do gastromercado.
Son A Batea (mexillóns), A Fervella (cociña tradicional), La Merluzoteca (pescada), Umami Poké (pokés e ensaladas), Na Pola (hamburguesas e elaborados de pito) e, en canto a bebidas, Nasa (cervexas artesás) e A Viñoteca (viños).
Polo camiño quedaron A Polbería (polbo), Piada Romagnola (piadas e zumes), Sete de Abastos (afumados e conservas) e Filamento (vermuts e cócteles), polo que as vacantes, sumados os locais que non se encheron no seu día, son preto dunha ducia.
Relacionadas:
-
Os postos baleiros do 'gastromercado' sairán a licitación "en breve"
Por Natalia Puga |
-
O Carlos Oroza ocupará tres postos do gastromercado
Por Alejandro Espiño |
-
Intervención policial por dous incidentes entre hostaleiros do 'gastromercado'
Por Natalia Puga |
-
Ata xullo non haberá polbo fresco
Por Redacción |
-
Esixen unha reforma integral do Mercado ante as súas "manifiestas deficiencias"
Por Alejandro Espiño |
-
Ana Rosa Quintana, en Pontevedra para percorrer o Camiño Portugués
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O gastromercado terá terraza ao aire libre na rúa Serra
Por Alejandro Espiño |