Satisfacción na lonxa de Campelo pola APP que rexistra toda a actividade marisqueira
Por Redacción
Desde hai seis meses, a lonxa de Campelo puxo en marcha unha plataforma informática na que as mariscadoras rexistran toda a súa actividade. O sistema, despois de todo este tempo, xa funciona a pleno rendemento e o balance é moi positivo para o sector.
Esta plataforma de control e información, denominada Xesmar, beneficia ao traballo das mariscadoras das confrarías de Raxó, Lourizán e Pontevedra.
Esta ferramenta está orientada á planificación do traballo, control de asistencia e rexistro de actividade de cada usuaria e tamén serve como canle de comunicación en tempo real das capturas ou de calquera outra incidencia, como pode ser o peche dos bancos pola presenza de toxina ou de calquera outra circunstancia.
Ademais, permite que as mariscadoras dispoñan de información personalizada ao tempo que funciona como canle multi-confraría ou certificar a trazabilidade do produto.
Xesmar, que é accesible a través da web e de dispositivos móbiles, ten entre as súas vantaxes os avisos e resultados inmediatos da explotación e venda en lonxa, ofrecendo ademais datos detallados, instantáneos e veraces para a xestión da explotación marisqueira.
A plataforma, impulsada polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Pontevedra, supuxo un investimento de preto de 35.000 euros e contou co financiamento da Consellería do Mar a través dos fondos europeos.
A súa posta en marcha comezou en xullo de 2021 coa entrega de dispositivos e os preparativos tecnolóxicos e incluíu a correspondente formación das mariscadoras.
Relacionadas:
-
A toxina e a falta de medidas compensatorias afogan ao marisqueo á boia do fondo da ría
Por Manu Otero |
-
As confrarías coñecen o proxecto de rehabilitación da Lonxa de Campelo
Por Redacción |
-
Tarxeta magnética, automatización e interconexión, a lonxa 4.0 chega á Ría de Pontevedra
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
A Lonxa de Campelo fai un balance positivo da implantación dunha app para xestionar o marisqueo
Por Oskar Viéitez |