O cruceiro de Outeda, 'a talleres' para a súa restauración
Por Redacción
En Outeda, na parroquia de Curro, hai un cruceiro datado no século XVII que o Concello de Barro quere restaurar e poñer en valor. Aínda que non está no seu lugar orixinal, xa que foi desprazado no seu día, entenden que é un patrimonio a conservar.
Na actualidade, o cruceiro sofre diversos danos provocados polo paso do tempo e por empregar técnicas e materiais desaconsellables en anteriores actuacións sobre o mesmo.
Os traballos que se realizarán sobre este ben patrimonial consistirán na súa desmontaxe e posterior limpeza de todos e cada un dos seus elementos.
A partir de aí, revisaranse as fendas, fixaranse as policromías orixinais se se descobren no proceso de limpeza, consolidaranse as superficies danadas e uniranse as pezas con espigos.
Tras montalo de novo e colocalo no seu lugar, colocaranse elementos de protección para evitar que posibles impactos de vehículos volvan a danar este conxunto artístico.
A restauración do cruceiro de Outeda está valorada en 15.736 euros, que serán financiados a través dunha subvención da Deputación de Pontevedra dentro da liña de axudas para a rehabilitación e sinalización do patrimonio.